O atletismo bótase ás rúas para loitar contra a diabetes

María José Rego, Eloy Sobrido e Ana Romero, na presentación. (Foto: Concello da Pobra).
A Pobra acolle a 'III Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes'.

Deporte e solidariedade únense na Pobra do Caramiñal un ano máis a prol da Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con diabetes (Anedia) na III Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes, da cal tamén forman parte activa a Concellaría de Deportes local, a Asociación de Atletismo e Deportes no Barbanza e a Federación Galega de Atletismo (FGA). 

Esta cita deportiva disputarase o 27 de xullo a partir das 20.30 horas no tramo de fachada marítima comprendida entre a praza Alcalde Segundo Durán e o peirao comercial. Isto significa que as saídas efectuaranse desde a rúa Fernández Albor, mentres que a meta estará situada no interior da antedita praza.

As categorías de competición irán desde a Sub-6 até a Máster, tanto na modalidade masculina como na feminina; segundo explicou a organización, "deberá completarse a distancia correspondente a cada unha para, unha vez rematada a proba, proceder á entrega das distincións e agasallos".

Como novidade dun certame que terá aberto o seu prazo de inscrición até o próximo 24 de xullo ás 14 horas e cunha cota de inscrición de seis euros para as adultas e totalmente gratuíta para as crianzas incorpórase o factor da sustentabilidade, pois reutilizaranse os residuos xerados, un factor que desde a organización puxeron en valor xunto co "vínculo entre deporte e saúde", e máis "no referente a unha doenza [a diabetes] que afecta unha significativa porcentaxe da poboación [só na Galiza, padecen o Tipo '2' máis de 250.000 persoas e o Tipo '1' case 100.000]".

Neste sentido, a presidenta de Anedia, María José Rego, dixo que a diabetes "continúa sendo unha das enfermidades que máis prevalecen na Galiza, pero tamén é unha gran descoñecida, por iso fai falta traballar para darlle visibilidade". 

Alto nivel no II Trail Costa da Morte Os Nosos Faros

Sen deixar o mundo do atletismo, o II Trail Costa da Morte Os Nosos Faros, programado o próximo 20 de xullo en Malpica de Bergantiños, contará cun rexistro de participantes de alto nivel. De momento, segundo puido coñecer Nós Diario, xa confirmaron a súa inscrición nomes do nivel de Emilio Montilla ou Tamara García, que tratarán de sumar puntos para o ránking do circuíto estatal.