Baxi, Ensino e Celta xa teñen calendario de cara á tempada 2024/25

Mapa cos integrantes da elite do baloncesto feminino estatal. (Foto: FEB).
O primeiro derbi galego será o 1 de novembro.

Cun total de 30 xornadas de competición comprendidas entre o sábado 5 de outubro e un aínda afastado 19 de abril de 2025, os conxuntos que integran a máxima categoría do baloncesto feminino estatal -entre eles tres galegos: Baxi Ferrol, Durán Maquinaria Ensino e Celta Femxa Zorka- coñeceron esta segunda feira o calendario de cara á tempada 2024/25.

O sorteo, levado a cabo na madrileña sede da Federación Española de Baloncesto (FEB), trazou un percorrido ao longo de 30 datas diferentes que obrigará os integrantes do torneo a traballar baixo unha esixencia máxima se queren alcanzar os seus obxectivos.

Con respecto aos equipos do país, o mellor clasificado durante a anterior campaña, Baxi Ferrol, estrearase nun duelo contra un rival do seu nivel, recibindo na Malata o Kutxabank Araski o 5 de outubro nun horario aínda por determinar.

Unha semana máis tarde encara un choque da máxima dificultade ante o cuarto clasificado na 2023/24, Spar de Girona, que promete ser un rival ideal de cara a preparar o seguinte partido, co vencedor da fase regular, Perfumerías Avenida.

Inmediatamente despois, a formación ferrolá medirá forzas con outro grande (Jairis Hozono) para pasar a protagonizar, o 1 de novembro, o primeiro derbi galego do campionato ante Durán Maquinaria Ensino, escuadra que, pola súa parte, chegará a este encontro após colidir contra Lointek Gerniza Bizkaia no seu debut; o vixente campión, o Valencia Basket de Raquel Carrera; Joventut de Badalona e Cadi La Seu.

E, con respecto ao Celta, este abrirá fogo a domicilio, concretamente na pista do Movistar Estudiantes de Madrid, afrontando o seu primeiro derbi coa tempada ben avanzada, o 7 de decembro, cando visitará Lugo para retar o Ensino, mentres que para xogar co Baxi Ferrol deberá agardar até o 28 do mesmo mes.

Álex Hernández seguirá vestindo as cores laranxas

Un dos homes que vén de certificar o primeiro ascenso á ACB do Básquet A Coruña, o veterano base de 34 anos e capitán laranxa, Álex Hernández, seguirá defendendo o mesmo escudo que durante os últimos catro anos na máxima categoría masculina, logo de que o club confirmase a súa renovación até o 30 de xuño de 2025.