ENTREVISTA | PARÍS 2024

Begoña Fernández: "O que conta dos Xogos é abrir esa porta para as máis novas"

Unha lesión de xeonllo obrigouna a colgar as botas tres anos despois de alcanzar a gloria nos Xogos. (Foto: Nós Diario).
O nome de Begoña Fernández (Vigo, 1980) era sinónimo de liderado cando saltaba á pista de balonmán, pero tamén o é a día de hoxe no seu traballo de auxiliar de enfermería, no que emprega os valores e coñecementos que adquiriu ao longo dunha traxectoria deportiva que tocou teito coa medalla de bronce en Londres '12.

—Begoña Fernández, a mellor xogadora galega de balonmán de todos os tempos. Como se leva iso?
Non sei que dicir... xa pasou moito tempo desde a miña retirada e na Galiza temos xogadoras que apuntan moi alto e están demostrándoo. Podemos estar tranquilos no balonmán feminino galego co nivel que hai. Dígoo de corazón, non por quedar ben (ri).

—Pero coincidirá comigo en que a cuestión non era unha saída peculiar pola miña parte, senón que a mesmísima EHF [a Federación Europea de Balonmán] así o sostén, como demostrou incluíndoa o pasado verán entre as escollidas para formar parte do seu Salón da Fama...
Foi algo súper gratificante. Desde a humildade, pero estou moi orgullosa, porque a miña carreira deportiva foi moi longa, e nunca me agasallaron nada, custoume moito chegar onde o fixen, e por iso estou tan feliz con este recoñecemento. Estou moi satisfeita por todo o que vivín ao longo da miña carreira e até onde cheguei. 

—Retrotraéndonos aos seus inicios, por que optou por comezar a facer balonmán? 
Pola familia. Os meus curmáns xogaban a balonmán no Octavio, e eu sempre comentaba coa miña nai que quería xogar no seu equipo, porque ía velos e encantábame, pero non me facía nin caso. Levábame a facer judo, baile galego... pero ao final, e porque rompín un brazo de modo bastante grave, até o punto de non poder estiralo de todo, cando recibín a alta definitiva o primeiro que fixo foi apuntarme a balonmán nas Escolas Deportivas Municipais.

—Xa máis crecidiña pasou do Ría de Vigo ao Porriño, e de aí ao Osito Valenciano, gañador de todas as ligas disputadas en España entre 1979 e 2002 coa única excepción da que gañou o Elda no 99. Como foi recibir esa chamada con apenas 18 anos?
Sabes que? Non a agardaba para nada. Era unha rapaza súper infantil, estaba no meu mundo, pasando un tempo de calidade coas miñas amigas, e si que sabía que estaba facendo as cousas ben, pero nunca se me pasara algo así pola cabeza. Todo xurdiu moi rápido.

— Custou moito facer as maletas sendo tan nova?
Foi complicado, porque o meu chip co deporte era outro, e pasar de estar nun equipo que ves como un grupo de amigas co que vas pasalo ben a un club profesional no que realmente tes enriba unha esixencia cambia a túa visión do deporte. Estaba cagada de medo, esa é a realidade (ri), e eses comezos foron duros, pero logo todo pagou a pena, non?

—E tanto, porque desde ese momento o seu crecemento foi imparábel, chegando a ser declarada como mellor pivote do mundo en 2008 e logrando, como capitán da selección española, unha prata no Europeo, un bronce no Mundial e un bronce nos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Como recorda esa época dourada para vostede? 
Unha das cousas que máis satisfeita me fan sentir da miña carreira deportiva é que fun de menos a máis en todos os ámbito, madurando como xogadora, e paralelamente chegaron os resultados, que tanto custan, e cando iso pasa es tan feliz... é unha sensación indescritíbel que a día de hoxe só me deu o deporte.  

—Pensou algunha vez no dato, anecdótico, de que en Londres puido tornar na primeira muller galega en obter unha medalla olímpica, pero que por cuestión de horas a gañaron antes Toro e Echegoyen en vela?
Non, non é algo relevante para min, porque non se trata dunha competición. O importante é que foi un orgullo para o deporte galego que nese 2012, todas xuntas, mulleres como Sofía, Támara e máis eu, lográsemos metais olímpicos. Entendo que é un dato que vende, sempre me recordan que son a primeira viguesa en gañar unha medalla olímpica, e claro que é un orgullo, pero o que conta é o feito de conseguilo, de abrirlle esa porta ás máis novas, de mostrarlles que é posíbel.   

—Como de vívidas seguen as memorias desa aventura olímpica na súa cabeza e no seu corazón?
Moito. Foi unha experiencia inesquecíbel que co paso do tempo valoro aínda máis. 

—Pouco despois, sendo xa unha veterana, protagonizou unha aventura balcánica que remata abruptamente coa lesión de xeonllo que a obrigou a retirarse en 2015. A que se debeu esa aposta nese momento da súa carreira? 
A miña idea sempre foi retirarme na casa, pero as cousa complicáronse e, como quería seguir xogando Champions, a única opción estivo aí. A mágoa que teño é non vivir a experiencia un pouco antes, porque tiven oportunidades, pero sempre as rexeitei. 

—Un ano despois do adeus converteuse en mamá. Nunca pensou en selo cando estaba en activo?
Sempre tiven claro que agardaría á retirada. Desde a miña experiencia podo dicir que sería inviábel ser mamá ao nivel no que estaba eu, xogando Liga entre semana e Champions os sábados e domingos, e iso que sempre quixen ser nai sendo nova, pero non era realista.

—Nunha entrevista que concedeu nada máis anunciar a retirada dicía que non había sitio para o balonmán na súa vida, que non lle "apetecía". Por que? 
Porque estaba psicoloxicamente esgotada. Ser deportista de elite é bonito, pero mentalmente moi duro, e despois de xogar tantos anos ao máximo nivel estaba saturada e queimada até o punto de pasar varios anos sen querer saber nada do balonmán. 

—Afortunadamente logrou reconciliarse co deporte. 
Si. despois dunha etapa non moi gratificante como embaixadora da Federación Española de Balonmán dous anos despois de retirarme, porque aínda non estaba preparada, o Lavadores pediume que lles botase unha man, e interpreteino como unha fermosa oportunidade, pero, como a vida continúa, eu era mamá dun neno e tiña outra en camiño, non foi posíbel compatibilizalo coas oposicións.

—Oposicións no sector sanitario, concretamente. Servíronlle de algo os coñecementos e aptitudes que adquiriu durante a súa carreira deportiva?
De moitísimo, especialmente no referente a soportar a presión, ter paciencia e calmar os nervios.