O Breo debutará contra o Bilbao e o Básquet A Coruña, co Real Madrid

O apoio do 'Tsunami Laranxa' semella que a próxima tempada será decisivo no Coliseum. (Foto: Básquet Coruña).
Sorteado o calendario da Liga ACB de baloncesto.

Leite Río Breogán e Leyma Básquet A Coruña, os dous representantes da Galiza na Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto estatal, xa coñecen o seu calendario competitivo de cara á tempada 2024/25.

Deste modo, sete días despois da disputa da Supercopa en Murcia (21-22 de setembro) a acción arrancará durante a fin de semana do 28 e o 29 de setembro, sendo os equipos do país os encargados de fechar a xornada inaugural, pois o encontro do Breogán está programado ás 17 horas do domingo 29 e o do Coruña, ás 18.30 damesma data.

Non tiveron sorte ningún dos dous, pois o conxunto lucense viaxará até Euskadi para desafiar un Bilbao Basket que, pese a non clasificarse para os play-off a pasada campaña, sempre é un óso duro de roer na súa casa.

Con todo, nada comparado co desafío que deberá afrontar o Leyma no seu debut na ACB, pois desafiará no Coliseum da Coruña o vixente campión, o Real Madrid  dos Ibaka, Musa, Llull e compañía.

E, aínda que non haxa ningún bloque ao nivel do branco na competición -nin sequera o Barcelona-, o sorteo non deu tregua ao Básquet A Coruña, pois inmediatamente despois deberá subirse ao avión para desafiar o Gran Canaria -eliminado polo Madrid no play-off da ACB o ano pasado-, regresar para recibir o Andorra e visitar outro dos grandes (Unicaja).

Pola súa parte, o Breogán non o ten moito mellor, pois na xornada segunda colide co Tenerife e na terceira co Valencia, ambos conxuntos de play-off e chamados a pelexar na zona nobre da táboa.

No referente aos derbis, a sorte quixo que o primeiro dos mesmos teña lugar xa en 2025, concretamente o 12 de xaneiro no Pazo dos Deportes de Lugo (12.30 horas), mentres que o último será o 16 de marzo á mesma hora no Coliseum coruñés.