París 2024

A contaminación volve pór en cuestión o estado do río Sena: o tríatlon e a natación en augas abertas, no ar

O río Sena, esta sexta feira, durante a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
A emisora francesa 'France Info' desvelou que as augas do río Sena tampouco eran aptas o día no que se bañou a alcaldesa de París, Anne Hidalgo, para intentar transmitir tranquilidade ao mundo.

A incerteza sobre o estado das augas do río Sena é unha das grandes polémicas que arrastran desde hai meses os Xogos Olímpicos de París. Procurando disipar as dúbidas, a alcaldesa da cidade, Anne Hidalgo, somerxeuse no río a escasos días da cerimonia de apertura, decorrida precisamente nas súas augas esta pasada sexta feira. Mais agora volve ficar en cuestión.

Este mesmo domingo estaba previsto o adestramento 'de familiarización' co percorrido para os participantes na proba de tríatlon masculina, convocada para a mañá desta terza feira, día 30 —á que se sumarán o tríatlon feminino un día despois, as remudas mixtas o 5 de agosto e a natación en augas abertas feminina e masculina os próximos 8 e 9 de agosto, respectivamente—. Porén, o adestramento foi cancelado debido á turbidez das augas polas intensas choivas das últimas horas.

Tanto o comité organizador dos Xogos como a Federación Internacional de Tríatlon e as autoridades locais acordaron pospor esta toma de contacto co Sena para garantir a saúde dos participantes, "a prioridade", salientaron, dado que as últimas análises bacteriolóxicas mostraban niveis de E.coli e Enterococcus superiores aos recomendados.

E malia que a Federación de Tríatlon é optimista e confía en que a situación mellorará grazas ao tempo solleiro e sen precipitacións que se prevé en París nos próximos días, advirten que, en caso de que siga sen garantirse a salubridade das augas as e os triatletas non nadarán polo Sena.

"A auga non era apta" cando se bañou Hidalgo

Esta noticia chega despois de que a pasada sexta feira a emisora francesa France Info desvelase que as augas do río Sena tampouco eran aptas o día do baño de Hidalgo e outras autoridades, retransmitido en directo por televisións de todo o mundo para intentar ofrecer unha imaxe de seguridade.

O baño está prohibido no río que atravesa a capital de Francia desde hai un siglo debido á contaminación, motivo polo que as autoridades do país investiron máis de 1.400 millóns de euros de cara a estes Xogos para mellorar a calidade da auga e abrila de novo ao baño a partir do próximo ano, ademais de poder garantir asía a celebración destas probas olímpicas, que agora fican no ar.

No tríatlon masculino participará o atleta vigués Antonio Serrat, e na proba de natación en augas abertas feminina está inscrita —con opcións de medalla— a nadadora andaluza pero coruñesa 'de adopción' María de Valdés. Aliás, no paratríatlon feminino participaría tamén a viguesa Susana Rodríguez Gacio, ouro nesta mesma disciplina nos Xogos Paralímpicos de Toquio.