Así é o novo 'Carné Celtista' para apoiar o Celta alén de Balaídos
O prezo do carné é de 30 euros por tempada e, ademais, o Celta presenta outras dúas modalidades adicionais que permiten ás e os afeccionados apoiar dous dos proxectos fundamentais do RC Celta: o novo equipo feminino, As Celtas, e a Fundación.
O Real Club Celta lanza esta tempada unha proposta "moi especial", ideada co obxectivo de "unir todas as celtistas alá onde estean". Baixo o lema 'Herdeiros', o club presenta o Carné Celtista, que permite que "quen desexan formar parte da familia celeste, pero que por motivos económicos, laborais ou de distancia non poden asistir regularmente aos partidos", poidan posuír o seu carné e gozar das mesmas vantaxes que un abonado ou abonada convencional, excepto a asento no estadio de Balaídos.
Desta maneira, as e os celtistas que posúan o Carné Celtista obterán un número de antigüidade, disporán do mesmo desconto nas tendas oficiais e poderán acceder aos partidos de Celta Fortuna, As Celtas, Celta Zorka Recalvi (Baloncesto) e categorías inferiores. Ademais, gozarán dun 'bono agasallo' de benvida por valor de 10 euros para empregar ben en ticketing ben en tendas oficiais.
O prezo do carné é de 30 euros por tempada. Pero, ademais, o Celta presenta outras dúas modalidades adicionais que permiten ás e os afeccionados apoiar dous dos proxectos fundamentais do RC Celta: o novo equipo feminino, As Celtas, e a Fundación.
O Carné Celtista As Celtas, que se pode adquirir por 50 euros e inclúe todos os beneficios do carné celtista, permite tamén apoiar "o proxecto máis emocionante das próximas tempadas, fomentando a participación de nenas no fútbol e ofrecéndolles referentes dentro do club". As e os celtistas que se decanten por esta modalidade recibirán unha bufanda de As Celtas como obsequio.
Pola súa parte, o Carné Celtista Colaborador, cuxo custo é de 80 euros, ofrece, ademais de todas as vantaxes do Carné Celtista, a posibilidade de contribuír ao labor e desenvolvemento da Fundación Celta: campus, clínicas e escolas de fútbol, tanto na Galiza como a nivel internacional, "promovendo a metodoloxía e o sentimento celeste". Un labor, salienta o club, "que reforza accións de igualdade, integración e solidariedade a través do deporte".
A solicitude deste carné está dispoñíbel desde esta mesma terza feira, a través do 'Portal celtista' e as billeteiras de Abanca Balaídos, até final de tempada. O Celta confía en que esta iniciativa perdure durante moitos anos, "estendendo o sentimento celtista por todo o mundo".
"Somos herdeiros dunhas cores, dunha tradición e dunhas raíces. Somos herdeiros dun sentimento inexplicábel e cada posuidor desta nova tarxeta celeste levará esta herdanza máis aló dos muros de Abanca Balaídos, de Vigo e da Galiza para percorrer todos os lugares nos que latexe un corazón celeste", engaden.