O Celta, co vento a favor para sumar os primeiros puntos como visitante

Iago Aspas, no encontro desta fin de semana.
O Dépor busca revalidar a goleada de Albacete.

O Celta sumou este domingo un novo punto nunha tempada na que a súa afección afirma ter recuperado a ilusión polo equipo. O encontro decorrido no municipal de Balaídos contra o Girona saldouse cun 1-1, cun gol de Iago Aspas –quen precisamente celebraba medio milleiro de partidos vestindo a camiseta celeste– que situou o dianteiro de Moaña (O Morrazo) como o vixésimo máximo goleador histórico de La Liga. 

Con todo, e aínda que a sensación nas bancadas era de satisfacción cun encontro que resultou nun reparto de puntos entre os de Vigo e os de Girona, o adestrador do equipo celeste, Claudio Giráldez, mostrouse crítico co desempeño dos seus xogadores. "Non merecemos gañar", afirmou con rotundidade Giráldez. Falta de presión e de axuste e a dificultade da escuadra celeste para transformar os ataques en goles son algunhas das cuestións que o técnico do Celta sinalou con necesidades de mellorar.

Giráldez sinalou tamén o "calendario e o físico" do equipo, que impediron "ter a cabeza fría e as pernas ben para poder xogar os últimos minutos", en referencia ao encontro disputado só tres días antes, na quinta feira, contra o Atlético de Madrid (0-1). "Lamento non ter máis días para preparar este partido", laiouse, "pero o máis xusto creo que é o empate".

Os de Claudio Giráldez comezan esta terza feira a preparar na Cidade Deportiva Afouteza o partido que decorrerá no Estadio Gran Canaria (sábado, 18.30 horas) contra un UD Las Palmas que, a falta de coñecer o resultado do último encontro da oitava xornada da primeira división contra o Vilarreal CF –aínda sen rematar ao feche desta edición– fecha a táboa clasificatoria con cero vitorias, tres empates e catro derrotas. Uns datos que inclinan a balanza do encontro cara ao lado do equipo vigués –décimo na clasificación, con tres vitorias, un empate e catro derrotas–, mais os de Giráldez aínda teñen por diante catro xornadas de adestramento para solucionar as eivas do equipo vigués.

O Dépor prepara a visita do Málaga a Riazor

Na Segunda División, co doce sabor da goleada contra o Albacete (2-5) que o situou no décimo oitavo posto da táboa, o Deportivo da Coruña dispón de seis adestramentos previos á visita do Málaga CF a Riazor (domingo, 14 horas). Após o triunfo da pasada sexta feira en Albacete, o central Dani Barcia suliñou na zona mixta do Estado Carlos Belmonte a "moita confianza do míster, nos xogadores. Temos que seguir así para tentar cada fin de semana levar os partidos".

E é con este obxectivo que o equipo coruñés prepara o encontro contra os malagueños, logo dunha serie de xornadas nas que o esforzo nos adestramentos non se vía transformado en vitorias. "O equipo estaba a traballar ben e non estabamos a obter os resultados que mereciamos", asegurou o adestrador do Dépor, Imanol Idiakez, na sala de prensa após un partido que cualificou como "unha alegría". "Isto non para", engadiu.

O Rácing, na cola da táboa

O Rácing de Ferrol, que após perder o domingo contra o Córdoba CF (3-1) segue na sétima xornada da sétima división sen saborear unha vitoria, continúa en postos de descenso, só por diante do CD Tenerife. Os de Cristóbal Parralo buscarán sumar o seu primeiro '+3' da tempada na Malata, nun partido contra o Elche CF que decorrerá este sábado ás 14 horas.