A canteira é "a solución a todos os problemas" para o director deportivo do Celta

Marco Garcés, esta terza feira en rolda de prensa (Foto: Celta).
Marco Garcés, director deportivo do Celta, analizou esta terza feira a tempada que agora comezou o equipo celeste. 

Catro partidos con dúas vitorias e dúas derrotas. O Celta de Diego Giráldez, após un inicio espectacular, aproveitará a parada da competición polos compromisos da selección española para analizar a situación. Esta terza feira, en rolda de prensa, o seu director deportivo, Marco Garcés, deu algunhas das chaves para entender esta tempada este novo equipo celeste.

O mercado de fichaxes “parecía bastante complexo mais fíxose sinxelo co paso dos días”, asegura Garcés. Ao final houbo tres incorporacións (Borja Iglesias, Ilaix Moriba e Marcos Alonso) e até 13 saídas. Con 11 xogadores do filial, asegura que “se algo se fai ben dentro do club é a canteira".

Recoñece que “unha vez que se termina a xanela e féchase o persoal, todos os xogadores contan o mesmo. Tivemos ofertas por todos os xogadores. A algúns non lles gustaba o país ou os números, decidimos esperar” e anuncia que fecharon a contratación de Damián por catro tempadas máis “e estamos moi preto con Hugo Álvarez e Sotelo”.

O director deportivo do Celta non descarta novas incorporacións cando se abra outra vez o mercado. "Están a sacar nomes moi interesantes e cada vez máis xogadores queren vir e iso facilita o proceso de recrutamento", sinala.

Mingueza e Aspas

Garcés recoñece que resistiron “bombazos por Mingueza, Williot ou Douvikas” por ser “xogadores desexados no mercado”. En relación a Mingueza, asegura que estarían “encantados” de aumentar o contrato de Mingueza mais lembra que “o Barcelona ten un dereito de tenteo e 50% dunha venda e é difícil como comprar os dereitos”.

Por último, sobre se é o último ano de Aspas, Garcés asegura que “depende de Iago. Se sente con confianza de xogar, nós encantados. A idea con Claudio é seguir, por suposto”.