O Celta volve á competición atento ás incorporacións

Ilaix Moriba, unha das últimas incorporación dos internacionais. (Foto: RC Celta).
A Primeira volve co Celta xogando en casa este domingo. En Segunda, o Dépor xoga esta sexta feira ante o Córdoba no estadio Nuevo Arcángel e o Rácing de Ferrol, terá que agardar até o domingo para enfrontarse ao Cádiz. 

A máxima categoría do fútbol profesional recupera esta fin de semana a normalidade. Xógase a quinta xornada con compromiso galego para o Celta que recibe este domingo en Vigo ao Valladolid (Balaídos, 14 horas). No reencontro coa afección haberá lembranza para un heroe dos recentes Xogos Paralímpicos, o tenista e recoñecido celtista  Martín de la Puente, que realizará o saque de honra mostrando o bronce de París.  

No plano deportivo, as olladas estarán no rendemento dos internacionais cedidos estes días para xogar coas súas seleccións. Os últimos en reincorporarse aos adestramentos foron Tasos Douvikas, Damián Rodríguez e Ilaix Moriba. Os dous primeiros non tiveron minutos de xogo nos seus compromisos mais si Moriba que participou 54 minutos con Guinea. 

No apartado de lesións, o club comunicou a baixa  de Manquillo. O defensa celeste podería perderse un mínimo de catro partidos por unha rotura fibrilar. Ademais, Giráldez tampouco poderá dispor doutros dous defensas: Ristic e Carlos Dominguez. No deportivo, o Celta terá diante un Valladolid que busca atopar o seu lugar na clasificación con escasa sorte goleadora e dúbidas no posto de dianteiro centro.

Segunda e Primeira RFEF

En Segunda, o Dépor xoga esta sexta feira ante o Córdoba no estadio Nuevo Arcángel e o Rácing de Ferrol, pola súa parte, tamén viaxará a Andalucía para enfrontarse este domingo ao Cádiz (Nueva Mirandilla, 18.30 horas). O seu adestrador, Cristóbal Parralo, asegurou onte en rolda de prensa  que necesitaban "a primeira vitoria, canto antes mellor". Porén, alertou que "sen volvernos tolos, sen precipitarnos e traballándoa". Neste sentido, indicou que os seus xogadores "están motivados".  

En Primeira RFEF, na súa cuarta xornada, o Ourense CF será o único equipo galego que xogue este sábado e faino contra o Ximnástica Segoviana (O Couto, 15.30 horas). Os de Rubén Domínguez, fechacancelas na clasificación, precisan dun bo resultado para deixar ese posto. Este domingo o Lugo recibirá ao Barakaldo (Ángel Carro, 12 horas), o Arenteiro ao Athlétic Club B (Espiñedo, 17.30 horas), e o Celta Fortuna viaxará até Iruña para medirse co Osasuna Promesas (Tajonar, 19.30 horas).