O piragüismo galego busca facer historia en Bulgaria

Claudia Couto no Campionato de Europa Sub-23 en 2023 (Foto: Nós Diario).
Esta cuarta feira, e até o domingo, a cidade búlgara de Plovdiv reunirá no Campionato Mundial Sprint Júnior e Sub-23 ao mellor do piragüismo internacional. Entre outras participacións, a Galiza conta con opcións de medalla con Pablo Crespo, representante galego en París 2024. 

Máis de 60 países, representando todos os continentes, estarán presentes esta cuarta feira na cidade búlgara de Plovdiv para participar no Campionato Mundial Sprint Júnior e Sub-23 de piragüismo. Neste evento de alto nivel, que decorrerá até o domingo, a Galiza contará cunha ampla representación formada por 19 deportistas.

Entre as posíbeis medallas,  destaca o olímpico Pablo Crespo, quen competirá en C1 nos 1.000 metros Sub-23, a mesma que terá en París 2024. Ademais, será parella de Manuel Fontán no C2 1.000 metros. A participación deste completarase no C2 500 metros con Martín Jácome, quen tamén estará en individual 500 metros.

Claudia Couto, do E.P. Cidade de Pontevedra, tentará revalidar o título continental conseguido en Italia no C1 200 metros. Así mesmo, participará no C2 mixto 500 metros con Pedro Torrado. A súa compañeira de club, Antía Otero, competirá no C2 500 metros con María Moreno, e uniranse a Valeria Oliveira, do Poio, e Viktoria Yarchevska no C4 500.

Lara Feijoo, do Tudense, e Irene Lata, do Betanzos, serán as representantes galegas no K1 200 metros e K2 500 con Daniela García, respectivamente. Ademais Lara estará presente no K4 500 metros.

En xuvenil, Natalia Moreira, tamén do Cidade de Pontevedra, competirá no K2 500 metros xunto a Claudia Blanco. Ademais, estará no equipo de K4 500 metros con Lucía Tenreiro, do Illa de Arousa, Yaiza Novo e Claudia Blanco.

En canoa, Nerea Novo, do Pontecesures, participará no C2 500 metros con Candelaria Delgado e tamén estará na proba de substitucións de 5.000 metros. Polo lado masculino, Óscar Juan, do Náutico Firrete, competirá no K4 500 metros xunto a Víctor Izarro, Diego Muñoz e Rubén Escudero.

Lara Remigio, do Poio estará con Candela Mayoral, Antonia Segura e Jimena Belén no C4 500 metros. Nicolás Braña, tamén do Poio, no C1 e C2 500 metros xunto a Raúl Fernández do Piragüismo As Torres.

Jairo Zurita, do Piragüismo As Torres, e Martín Expósito, do Cidade de Pontevedra, competirán no C2 1.000 metros, ademais de estar no C4 500 metros con Raúl Fernández e Ulises Colastra. Por último, a parella Lucía Tenreiro e Manuel López, do Kaiak Tudense, remará no K2 mixto 500 metros.