París 2024

Crónica desde París: así se prepara a cidade para uns Xogos Olímpicos que prometen facer historia

Exteriores do Bercy Arena, onde se disputarán as competicións de ximnasia artística e en trampolín e mais baloncesto. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
Un amplo dispositivo militar e policial en cada recuncho de París evidencia que a cidade tornará na capital mundial do deporte durante as próximas tres semanas. Serán os Xogos coa maior representación galega da historia e que naceron co obxectivo de rachar todos os esquemas do olimpismo. 'Nós Diario' informará cada día desde a capital francesa durante os Xogos.

Pouco se parece estes días París ás clásicas estampas do cinema e a televisión. Empezamos a empaparnos do espírito olímpico desde o momento mesmo de aterrar no aeroporto Charles de Gaulle, onde os cinco aneis que simbolizan os continentes e que tornaron no principal símbolo dos Xogos presiden a terminal 1 xunto a innumerábeis referencias á primeira cita deportiva desta envergadura en oito anos —con perdón de Toquio 2020, marcada pola pandemia—.

A capital francesa acolle o evento deportivo máis agardado a nivel internacional por terceira vez na súa historia, após as edicións de 1900 e 1924. Mais a deste ano pouco terá a ver coas anteriores, comezando pola propia cerimonia de inauguración, que decorrerá a través do río Sena. Un río, precisamente, no que se bañou a pasada cuarta feira a alcaldesa parisina, Anne Hidalgo, co obxectivo de disipar as —non poucas— dúbidas que suscitou o estado das súas augas, que albergarán as probas de tríatlon e natación en augas abertas —ambas as dúas con opcións de medalla para o olimpismo galego, da man de Antonio Serrat no primeiro caso e María de Valdés no segundo—.

Carteis de París 2024 na terminal 1 do aeroporto Charles de Gaulle. (Foto: Y. C. M.)

Con estes Xogos o Goberno francés pretendía tamén achegar as competicións ao conxunto da capital —así como outras cidades, como Marsella e Lyon, e territorios de ultramar, como é o caso de Tahití— e que se beneficiasen dos grandes investimentos tamén os barrios da periferia que historicamente ficaron marxinados.

E se ben a factura final terá varios centos de millóns de sobrecusto sobre o inicialmente orzado, os de París serán uns dos Xogos máis sostíbeis no plano económico dos tempos recentes. Para iso, outra das grandes apostas da organización  foi optar por infraestruturas temporais e bancadas desmontábeis para moitos dos eventos, como é o caso do 'macrorrecinto' erguido na praza de La Concorde para acoller os catro deportes urbanos —breaking, skate, baloncesto 3x3 e BMX— e manter así a súa esencia e proximidade ao público a pé de rúa, no canto de repetir os erros do pasado e construír grandes estadios, pavillóns e piscinas que unha vez rematado o evento ficarán no esquecemento.

Os Xogos de París buscan tamén avanzar tamén no camiño da igualdade alcanzando un novo fito: por vez primeira competirán o mesmo número de mulleres e de homes, 5.250 en cada caso, e na Galiza elas son xa maioría. Onte a delegación olímpica do Estado español chegou a París e todas as e os deportistas descansan xa na Vila Olímpica.

E seguindo coas cifras, uns 45.000 policías —os mesmos que persoas voluntarias se estima que hai por todo París—  súmanse aos 10.000 soldados que conforman o maior campamento militar na cidade desde a Segunda Guerra Mundial. En cada recuncho hai un axente policial, un xendarme ou un militar, todos eles armados até os dentes e portando o distintivo da 'Operación Sentinela', como foi bautizado o dispositivo antiterrorista.

Soldados franceses patrullando esta terza feira nos arredores do Arco do Triunfo. (Foto: Sina Schuldt / DPA / vía Europa Press)

A capital francesa torna estes días en algo semellante a un parque temático do olimpismo no que os carteis de 'París 2024' conviven cos que penduraron a Fronte Popular ou a ultradereitista Agrupación Nacional para os comicios do pasado 7 de xullo, o que serve de recordatorio de que o evento é unha proba de fogo para Emmanuel Macron.

O tránsito, tanto peonil como de vehículos, parece máis lixeiro que nunca na cidade, unha circunstancia non casual que se debe ás fortes restricións e control nas rúas que provocaron a saída en masa da capital de toda xente canta puido mentres dure o evento. Outros miles de persoas, porén, intentan seguir coas súas rutinas diarias malia sentírense estranxeiras no seu propio fogar por non levaren unha acreditación pendurada do pescozo que lles abra as portas de par en par como ás deportistas ou a até 20.000 xornalistas.

Algo similar a unha 'nova normalidade' —termo acuñado durante a pandemia para referirse ao escenario inédito que se abría paso co desconfinamento— que se exemplifica á perfección no momento de recoller a propia acreditación no Centro de Prensa, un recinto habilitado dentro dun Palacio de Congresos no que conviven estes días a 'marabunta' olímpica coas familias parisinas que van facer as súas compras ou pretenden ver unha película nun cinema, o do seu interior, que houbo que cruzar para acceder á zona habilitada para os medios.

Comezan uns Xogos nos que Galiza aspira a superar as seis medallas de Toquio

Malia que unhas Olimpíadas non comezan formalmente até que a chama prenda a pira olímpica unha vez concluído o desfile de deportistas da cerimonia de apertura, prevista para a tarde desta sexta feira, esta mesma cuarta feira comeza a rodar a bóla en fútbol e rugby a 7. Porén, o debut do deporte galego terá que agardar a mañá, cando xogará o seu primeiro partido da fase de grupos a selección española feminina de fútbol, actual campioa do mundo e da Liga das Nacións, coa pontevedresa Teresa Abelleira.

En total, Galiza conta con 31 representantes nuns Xogos nos que aspira a superar a histórica marca de seis medallas —tres pratas e tres bronces— de Toquio 2020. Atletismo, piragüismo e remo antóllanse as principais disciplinas nas que poderiamos ver un galego ou galega no máis alto do podio.