O deporte faise un oco na axenda do Día da Patria

A elite do vólei praia estatal regresa á area de Dumbría. (Foto: RFEV).
Os eventos proliferan hoxe por todo o país.

O 25 de xullo, Día da Patria Galega, é unha xornada tradicionalmente caracterizada polas reivindicacións políticas e sociais, mais desde hai varios anos o deporte foi abríndose un oco na axenda de actividades até tornar nunha parte consubstancial á mesma.

Así, diferentes localidades por todo o país acollen numerosos eventos das máis diversas modalidades. Entre eles brilla a pintoresca e histórica Travesía ao Dique, que alcanza a súa edición número 52. Organizada polo Club Natación Coruña coa colaboración da Federación Galega de Natación e da súa homóloga estatal, máis de 250 persoas tomarán a saída ás 11 horas nos peiraos do Náutico herculino co obxectivo de sumar puntos tanto para o Circuíto Galego como da Copa de España de Augas Abertas.

Cun percorrido de 3.500 metros na categoría absoluta -que se reduce até os 1.200 para os e as participantes menores de idade-, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade da Coruña, Nereida Canosa, destacou a "importancia" da proba no calendario deportivo.

E, sen saír da auga, pero cambiando a natación pola vela e o norte polo sur do país, o Trofeo Conde de Gondomar reunirá en Baiona (Vigo) na súa cuadraxésimo novena edición algunhas das mellores tripulacións non só da Galiza, senón do conxunto da Península Ibérica, que pugnarán por facerse cun título que se dirimirá entre hoxe e o próximo domingo, 28 de xullo.

 O calendario competitivo consta de cinco probas, entre as que se inclúen dous do tipo barlovento-sotavento, a clásica Volta a Ons, unha regata costeira cun circuíto aínda por revelar e a lendaria subida ao Carrumeiro Chico, con saída e chegada en Baiona ao longo dun extenso tramo que se estenderá ao longo de 100 millas náuticas de distancia.

Finalmente, outro certame de alto nivel que comezará a súa andaina este Día da Patria é o Campionato de España de Vólei Praia na categoría Sub-19, que se prolongará até o sábado 27.

 Será o segundo ano consecutivo no que esta cita se desenvolva sobre a area da praia de Dumbría (Finisterre), que determinará quen son os novos campións estatais por equipos masculinos e femininos, entre os que Ourense, o local Dumbría, Vigo, Liceo A Paz da Coruña e Rianxo conformarán a representación galega.