París 2024

O dobre scull do remeiro moañés Rodrigo Conde non defrauda e pasa a semifinais como segundo da súa serie

Á esquerda, o moañés Rodrigo Conde; á dereita, o seu compañeiro no dobre scull, o catalán Aleix García. (Foto: Aina Prats)
Só Irlanda e Países Baixos superaron o tempo de Conde e García nas tres series.

Comezou o espectáculo no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, onde o remeiro moañés Rodrigo Conde non defraudou e, da man do seu compañeiro habitual no dobre scull, Aleix García, superou a rolda clasificatoria como o segundo mellor da súa serie, só superados os dous polo equipo de Irlanda.

A embarcación do galego cruzou a meta cun tempo de 6:16.17, só superado polo asinado polos irlandeses (os mellores da xornada, con 6:13.24) e os neerlandeses (6:14.13), o gran rival a bater nestes Xogos. As semifinais disputaranse na mañá da vindeira terza feira, 30 de xullo.

E previamente, este mesmo domingo, os equipos de China, Italia, Alemaña e Serbia, os peores clasificados das súas respectivas series, mediranse na repesca para loitar polas tres prazas restantes para as semifinais. O último clasificado quedará fóra dos Xogos.

Rodrigo Conde, o remeiro que renunciou a uns Xogos para volver máis forte

Conde, tal e como rememoraba nunha entrevista recente en Nós Diario, renunciou aos Xogos Olímpicos de Toquio polas dificultades, físicas e psicolóxicas, para manter o peso requirido para competir no dobre scull lixeiro. Ten unha nova oportunidade en París, onde chega co aval dunha prata no Europeo deste ano en Szeged (Hungría) e un bronce na Copa do Mundo de Lucerna (Suíza), agora loitando na categoría absoluta da man do catalán Aleix García.