París 2024 | Vela

Echegoyen e Barceló apuran as súas opcións de meterse na regata polas medallas

Támara Echegoyen e Paula Barceló, nunha das regatas desta segunda feira en Marsella. (Foto: RFEV)
A embarcación da galega sobe até o décimo cuarto posto na clasificación xeral, mantendo vivas as súas opcións de meterse na loita polos metais.

Boa xornada para a regatista ourensá Támara Echegoyen e a balear Paula Barceló en Marsella na que foi a terceira e penúltima en vela antes dunha 'Medal Race' da que aínda seguen afastadas, pero con opcións de se coaren entre as dez mellores para poder disputala nas tres regatas que porán fin a esta rolda clasificatoria.

Os Xogos non comezaron ben para Echegoyen e Barceló, que ao termo das seis primeiras regatas marchaban décimo sétimas na táboa xeral —só dez pasan á fase final cos metais en disputa—, e nesta delicada situación chegaban á xornada desta terza feira, na que, agora si, experimentaron unha notábel melloría.

Galega e balear foron de menos a máis: décimo terceiras na primeira regata do día, sétimas na segunda... e quintas na terceira e última, cruzando a meta a só 34 segundos das gañadoras, Jo Aleh e Molly Meech, de Nova Zelandia. Con estes resultados, a embarcación de Echegoyen sobe até o décimo cuarto posto, a 13 puntos de entrar na 'Medal Race'. Con opcións case remotas, pero aínda vivas nesta loita.