O Equipo Cortizo comeza a Volta a Zamora en terceiro lugar

Pablo Bonilla, na Volta a Madrid (Foto: Nós Diario).
O equipo de Padrón pelexará por levar de novo o título na Volta a Zamora.

O Equipo Cortizo de Padrón (O Sar) afronta desde esta cuarta feira a Volta a Zamora, unha proba na que brillou nas últimas dúas edicións e na que aspira a lograr o título por terceiro ano consecutivo. Os de Marcos Serrano dominaron o pasado ano con Sergio Chumil e David Delgado, repartíndose o primeiro e segundo posto, e en 2022 con Eric Fagúndez; tres corredores que acabarían dando o salto ao profesionalismo co Burgos BH.

Sen tempo para saborear o triunfo de Pablo Bonilla na Volta a Madrid, os padroneses regresan á rolda zamorana coa intención de repetir éxitos anteriores. Para iso, Marcos Serrano apostará por un sexteto con escaladores como José Luis Faura, Dani Cavia, Maksym Bilyi e Marc Cabedo acompañados de Vojtech Kminek e Jorge González, as bazas do Cortizo para os finais ao esprint.

 “A pesar de que o equipo acumula nas súas pernas 10 días de competición en dúas semanas, estamos coas mesma frescura e intensidade que cando arrincou o mes”, recoñece Serrano, quen se congratula de contar cun persoal “moi amplo” que lles permite afrontar os meses máis duros de competición “con todas as garantías”. Un dos que chegará en forma será Dani Cavia, quen, tras cinco semanas, reaparecerá co Cortizo para disputar a Volta a Zamora e pelexar polo triunfo final. “Durante este tempo, estiven adestrando coa mirada posta nesta carreira", asegura o valisoletano.

Etapa prólogo

A Volta a Zamora comezou co prólogo en Ricobayo do Alba, onde se disputou a última hora da tarde unha contra o reloxo individual de 4,2 quilómetros onde o equipo galego logrou situarse terceiro, un segundo por tras dos primeiros na clasificación provisional, pola actuación do seu ciclista Mksym Bilyi.