O Estatal Sub-23 mide o nivel do futuro do atletismo galego

Xiana Lago opta ao título estatal. (Foto: FGA).
Numerosas opcións de medalla para a Galiza.

Un total de 34 atletas da Galiza desprázanse esta fin de semana até Burgos para tomar parte no Campionato de España Sub-23, no que varias delas contan con opcións de volver cun metal colgado do pescozo.

Nesa relación destaca especialmente a internacional e campioa estatal en pista curta no lanzamento de peso, Xiana Lago (Ría Ferrol), quen viaxa coa terceira mellor marca de entre todas as consursantes cos seus 13.62 metros.

Pola súa parte, o plusmarquista absoluto dos 110 valos e subcampión de España na Sub-23 indoor, Hugo Vázquez (Marineda Atlético), tamén acude co obxectivo de loitar por un título que presumibelmente estará por debaixo dos 14 segundos.

A maiores, especial atención  merece a presenza de Jorge Román Leiros (Celta) nos 400 metros, que este ano rexistrou uns 46.47 segundos que o sitúan  moi preto tanto das medallas como do récord nacional, estabelecido en 46.24.

No martelo, o subcampión de España en 2023, Eric Méndez (Real Sociedade) chega á cita burgalesa coa terceira mellor marca disposto a repetir a súa presenza no podio, o mesmo que unha Paula Piñón (Atletismo San Sebastián) que participará tanto no peso como na xavelina, na que aspira a cotas importantes grazas ao seus 46,38 metros.

Xa nas distancias de fondo, Isabel Caeiro (Sociedade Ximnástica de Pontevedra) debutará nos 3.000 metros obstáculos, mentres que a ourensá Antía Castro será da partida nos 5.000, sen esquecer o que poidan facer Samuel Lema (Atletismo Negreira) en peso, Nicolás Ortega (Atletismo Sada) no lanzamento de disco e Ismael Díaz (Marineda) nos 10.000 metros marcha.