Eurocopa

A guía da Eurocopa 2024: Grupo 'B'

Alguén do trío Italia-España-Croacia pode ficar fóra en primeira rolda. (Foto: Nós Diario).
Croacia, Italia e España, a unidade 'B' de favoritos, loita por eludir o fracaso nun 'grupo da morte' do torneo que completa a modesta Albania.

A vixente campioa da Eurocopa, Italia, inicia a defensa da súa coroa. O combinado transalpino, inmerso nunha fonda renovación, como demostra o feito de que Luciano Spalletti incluíse na súa listaxe de convocados tan só 11 dos homes que hai tres anos levantaron o trofeo (Donnarumma, Meret, Acerbi, Bastoni, Di Lorenzo, Barella, Cristante, Jorginho, Pellegrini, Chiesa e Raspadori) sufriu para clasificarse para a gran cita alemá, exhibindo unhas negativas sensacións que non foi quen de borrar nos amigábeis de preparación.

Non obstante, se algo caracteriza desde que o fútbol é fútbol á catro veces campioa do mundo é unha resiliencia a proba de balas nos momentos decisivos, polo que ninguén debe pór en dúbida a súa condición de favorita para saír viva do 'grupo da morte'.

Italia, vixente campioa, só convocou 11 dos homes que levantaron o título en 2021

Non menos incógnitas sobre o seu rendemento ofrecen outras dúas teóricas candidatas ao título, España e Croacia. A primeira, agora baixo a dirección de Luis De la Fuente, está vivindo un proceso semellante ao de Italia, e viaxará até Alemaña cunha expedición na que a única estrela mundial é Rodri, o pivote do Manchester City. Do que sexan quen de facer os novísimos Lamine Yamal, Nico Williams e compañía dependerá se a nave española volve naufragar como no último Mundial.

Pola súa parte, Croacia, agora si, despide o bloque que foi segundo na Copa do Mundo de 2018 e terceiro en 2022. Liderado por un Modric que cumprirá 39 anos en setembro, gañar a Eurocopa sería o broche de ouro para unha xeración irrepetíbel.

A piques de celebrar o seu 39 aniversario, esta será a última cita internacional de Modric

Con todo, os grandes farían mal en menosprezar unha Albania que, baixo a batuta do ex barcelonista Sylvinho, e sen presión de ningún tipo, venderá cara a súa pel, como demostrou nunhas clasificatorias nas que só concedeu catro tantos.  

HORARIOS DO GRUPO 'B'

España-Croacia: 15 de xuño ás 18 horas

Italia-Albania: 15 de xuño ás 21 horas

Croacia-Albania: 19 de xuño ás 15 horas

España-Italia: 19 de xuño ás 21 horas

Albania-España: 24de xuño ás 21 horas

Croacia-Italia: 24de xuño ás 21 horas