Fútbol

ANÁLISE | As leccións da 'longa noite de pedra' do Dépor

Os branquiazuis visitaron onte a Xunta, o Concello e a Deputación da Coruña (sobre estas liñas). (Foto: Deputación da Coruña).
Disque quen esquece a súa historia está condenado a repetila. Por iso, se non quere que a lóxica alegría despois de regresar á Segunda División logo de catro anos fique como unha insua na mediocridade, o Real Club Deportivo precisa memorizar as leccións aprendidas neste longo e convulso período fóra do fútbol profesional.

O 24 de xuño de 2019 A Coruña espertaba coa peor das resacas.  Boca pastosa, padal reseco, a carteira baleira e a sensación de que o que pasara na xornada anterior tivo que ser un mal soño. Pero non. Porque na noite de San Xoán o Deportivo malogrou un 2-0 de vantaxe que traía do partido de ida do play-off de ascenso a Primeira e, tras caer por tres goles a cero co Mallorca, despedíase de retornar á Primeira División.

A crónica do partido publicada en Sermos Galiza -Nós Diario non sairía á rúa até uns meses máis tarde, o 2 de xaneiro de 2020- concluía facendo alarde de clarividencia, anticipando o que estaba por vir: "E agora? Agora o Dépor  perderá, en concepto de ingresos, 50 millóns de euros. Ese engruñamento financeiro dificilmente permitirá que poida reter os seus xogadores de maior talento. Vaian preparándose para atravesar o deserto".

E que deserto, rite ti dos 40 días que pasou Xesús no de Xudea. Foi case un lustro de travesía nos que a ruína económica levou á descapitalización futbolística do club e á súa adquisición por parte da entidade Abanca, que fechou a compra en 2020. Ese ano, quizais o máis negro na centenaria historia da escuadra herculina, descendeu á Segunda División B, a terceira categoría do fútbol, por primeira vez en catro décadas nunha traxedia marcada polo escándalo do coñecido como Caso Fuenlabrada, equipo que se presentou na Coruña para disputar a derradeira data de campionato con xogadores positivos en Covid-19, decidindo a Liga a suspensión dese choque, pero non os do resto dos rivais implicados na pelexa pola permanencia, adulterando así a competición.

Os rexistros e récords negativos acumulábanse semana tras semana, mes tras mes, reflectidos en titulares deste xornal tan reveladores como "O Deportivo toca fondo (outra vez)", "O corazón branquiazul desángrase" ou "O peor Dépor da historia".

Incapaz de regresar ao fútbol profesional, triturando adestradores e ducias de futbolistas polo camiño, todo apuntaba a que esta campaña 2023/24 tan só sería unha máis da longa noite de pedra deportivista na 'C', pois na xornada 16 era o décimo clasificado, pero unha reacción liderada pola xuventude de Mella e a veteranía do fillo pródigo, Lucas Pérez -autor do tanto do ascenso fronte o Barça B-, puxeron fin á época máis escura do club.