Lea entre o Concello e o Dépor: por que non se celebrará o ascenso en María Pita?

O club rexeita o convite do Goberno local alegando que aínda está "á espera da solución de todas as solicitudes realizadas nos últimos tres anos", mentres o equipo de Inés Rei culpa Abanca desta "decisión unilateral" e afirma que o Dépor "sabe que conta e que sempre contou con todo o apoio do Concello".
Os xogadores do Dépor celebrando o triunfo sobre o céspede de Riazor. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Os xogadores do Dépor celebrando o triunfo sobre o céspede de Riazor. (Foto: RC Deportivo)

A festa continúa na Coruña polo ansiado ascenso a Segunda culminado este domingo polo Dépor. Os branquiazuis visitaron na mañá desta segunda feira a Deputación da Coruña e a súa axenda inclúe tamén senllas recepcións oficiais por parte da Xunta da Galiza, Abanca e outros patrocinadores... agás unha notábel ausencia de última hora.

A primeira hora o Concello da Coruña anunciaba unha visita dos futbolistas e corpo técnico do Dépor a María Pita para celebrar o ascenso coa alcaldesa, Inés Rei, a partir das 19.30 horas. Porén, o propio club apresurouse a rexeitar o convite a través dun comunicado no que avanza que queda "suspendida" calquera visita institucional "á espera da solución de todas as solicitudes realizadas nos últimos tres anos".

O club considera que a relación actual entre o Deportivo e o Concello "non é a idónea para celebrar unha visita destas características". O Dépor lamenta que esta situación continúe "a pesar das múltiples conversas mantidas nas últimas temporadas e o intenso esforzo de diálogo para mellorar as relacións" entre ambas as entidades que afirma que mantivo nos últimos meses. "Especialmente nun momento tan esperado por toda a afección deportivista", conclúe.

A resposta do Concello

Unha vez coñecida a negativa do Deportivo, o Concello lamentou noutro comunicado a "decisión unilateral dos propietarios" do club de non acudir á recepción institucional en María Pita, tal e como se fixo, lembra, coas xogadoras do Dépor feminino. "Máis aló da propiedade do club, o Dépor é de todos os coruñeses e coruñesas e merecen poder felicitar o equipo na praza de María Pita, como sempre se fixo nas grandes ocasións na historia do club", critica a corporación municipal.

A respecto das demandas dos branquiazuis, o equipo de Rei afirma que o Dépor "sabe que conta e que sempre contou con todo o apoio do Concello", se ben o Goberno local considera "intolerábel" que se "impida aos deportistas gozar do recibimento que merecen por intereses económicos que nada teñen que ver co deporte".

No tocante á negociación do convenio de Riazor, a vontade do Concello "segue a ser a cesión gratuíta do estadio municipal por 25 anos —como até o de agora— para que o Dépor poida desenvolver a súa actividade deportiva e competir ao máximo nivel". Mais, "lamentabelmente e por primeira vez", apuntan desde María Pita, "a empresa propietaria do club, Abanca, exixe ao Concello a entrega total e gratuíta dun ben público para a súa explotación económica e comercial en exclusiva máis alá do ámbito deportivo esquecendo que o estadio é de todos".

Os argumentos do Dépor

Na tarde desta segunda feira o Deportivo emitiu un comunicado no que alertaba de que a "falta de colaboración do Concello" podería "pór en perigo" o futuro do club no seu retorno ao fútbol profesional. "Desde hai máis de tres anos estamos solicitando a ampliación do convenio sobre o uso do estadio, que é imprescindíbel para garantir o futuro do club na categoría de prata", salientan, alegando que a Liga "precisa un certificado de uso e goce do estadio que debe emitir o Concello" para a tempada 2024-25. "Ademais, a non dispoñibilidade a longo prazo do estadio pon o club nunha situación de precariedade e incerteza", censuran.

A falta deste convenio, engaden, supón tamén "un problema financeiro" para o Dépor, "pois todos os investimentos en mellora e modernización do campo necesarias deben ser amortizadas a 15 meses e non en varios anos, como sucedería cun convenio". E o club lembra que o Concello ten desde o pasado xaneiro un borrador —pode consultalo aquí— que se negociou durante a tempada e no que o Dépor, afirman, "accedeu a todas as peticións feitas polo Concello, incluíndo pagos de arrendamento que non se fixeran nunca antes na historia do club".

"Neste sentido, o Concello trasladou en varias ocasións ao Club que está de acordo con ese borrador pero de forma reiterada segue sen executar a firma do mesmo sen razón aparente, a pesar da absoluta disposición por parte do Deportivo", inciden.

Aliás, subliñan que desde hai dúas tempadas "o Concello non colabora de forma comercial co Deportivo para promocionar e promover o turismo na cidade da Coruña, aínda que o club estea disposto a colaborar como sucede de forma recorrente con Xunta da Galiza e Deputación da Coruña".

Comentarios