Ilaix Moriba busca a redención no Celta de Claudio Giráldez

O novo futbolista do Celta, acompañado por Sergio Álvarez (á esquerda) e Marco Garcés (á dereita). (Foto: RC Celta).
O Real Club Celta de Vigo xa ten un novo nome de cara ao proxecto da tempada 2024/25: Ilaix Moriba. O centrocampista, formado na canteira do Barcelona, aspira a demostrar durante a súa cesión por un ano en Balaídos que pode volver ser o home polo que o Red Bull Leipzig pagou 16 millóns de euros en 2021, cando só contaba con 19 anos.

Segunda cara nova da tempada no Real Club Celta de Vigo. E, igual que Borja Iglesias, trátase dun nome que deu que falar nos últimos anos pero que vén de completar unha tempada 2023/24 canto menos irregular.

"Quero ensinar a todos que teño en min o fútbol que todo o mundo coñeceu, axudar o equipo ao máximo e á afección para que deixe de sufrir tanto como fixo nos últimos anos", afirmou na súa rolda de prensa de presentación un Ilaix Moriba que estivo acompañado no acto polo director de fútbol celeste, Marco Garcés, e polo conselleiro e ex porteiro Sergio Álvarez.

Cedido por parte do Red Bull Leipzig xermano, aos seus 21 anos o guineano procura relanzar na cidade olívica unha carreira que semellaba disparada ao estrelado cando daba os seus primeiros pasos como futbolista nun Fútbol Club Barcelona que abandonou no verán de 2021 logo de que o Red Bull pagase 16 millóns de euros pola súa ficha.

"Aprendín aos poucos na vida, e si, quero demostrar a miña valía, por iso estou agradecido ao míster [Claudio Giráldez] e ao Celta", engadiu, antes de apostilar que aínda non sabe cando estará ao 100%, mais prometeu "traballar" para que sexa canto antes.

Novo compromiso amigábel do Celta Fortuna

Movendo o foco ao filial celeste, o Celta Fortuna -a dous semanas vista do inicio da competición nunha Primeira Federación na que, un ano máis, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) aínda non confirmou como verán os seareiros e seareiras os partidos a través da pequena pantalla, nin en que canle ou canles, nin a que prezos- disputa un novo compromiso amigábel.

Nesta ocasión o seu rival será o segundo equipo da Cidade das Burgas, a Unión Deportiva Ourense -que militará na inminente tempada 2024/25 na Terceira Federación, a diferencia dun Ourense CF que xogará por vez primeira na súa historia na Primeira RFEF-, escuadra que porá a proba no Campo Municipal da Couto ás 19.30 horas desta cuarta feira  as evolucións de Fredi e os seus pupilos.