Inés Rei: "Riazor é de todas, non llo vou regalar a un banco"
A rivalidade existente a conta do convenio de uso do Estadio Municipal de Riazor entre a empresa propietaria do Real Club Deportivo da Coruña, Abanca, e o Concello herculino viviu esta segunda feira un novo capítulo.
Logo do comunicado emitido pola escuadra branquiazul a pasada segunda feira, negándose a visitar o Concello e acusando a Corporación dirixida pola socialista Inés Rei de pór "en perigo" o futuro da entidade na Segunda División á que acaba de ascender despois de catro anos nos infernos da terceira categoría, María Pita contraataca.
Nun escenario que lembra a aquel protagonizado por Lendoiro e Francisco Vázquez, cabezas visíbeis do Dépor e o Concello da Coruña a finais da década dos 90 enfrontadas polo mesmo motivo que na actualidade, o convenio polos usos de Riazor, esta vez tomou a palabra a alcaldesa, que afirmou non estar disposta "a regalarlle o estadio, que é de todas, a un banco".
"Lamento profundamente a decisión de Abanca de impedir unha tradición histórica como a de celebrar un ascenso na praza de María Pita, no que foi unha desconsideración á cidade", laiouse Inés Rei, quen deixou claro que, polo menos pola súa parte, "o futuro do Dépor non está en cuestión, está garantido, e así será mentres sexa a alcaldesa".
Ademais, insistiu en que o conxunto propiedade da entidade financeira "nunca pagou e nunca pagará" polo uso "deportivo" do Estadio Municipal de Riazor, pois o convenio "sigue vixente" até xuño de 2025. Porén, aclarou que non permitirá a "cesión gratuíta para ser explotado comercialmente por un banco", que é a pretensión última de Abanca.
PP e BNG chaman a "superar as diferenzas"
Partido Popular e Bloque nacionalista Galego (BNG), os partidos que exercen a oposición na Corporación Municipal, fixeron un chamamento a que o Concello e a propiedade do Deportivo "superen as súas diferenzas".
Foron palabras do portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, para quen "as relacións entre Deportivo como institución e o Concello como institución deben estar por enriba das diferenzas puntais polo convenio".
Pola súa parte, o seu homólogo no PP, Miguel Lorenzo, non ocultou o seu "desgusto" por non poder celebrar o ascenso en María Pita, e pediu "diálogo" e "rebaixar tensións".