París 2024

Kiptum, Thompson, Rojas e as grandes ausentes nunhas Olimpíadas sen Rusia

O kenyano Kelvin Kiptum faleceu en febreiro após pulverizar o pasado ano o récord do mundo de maratón. (Foto: Chicago Marathon vía Europa Press)
Varias campioas olímpicas non estarán en París por diferentes motivos.

Como se adoita dicir, nin son todos os que están, nin están todos os que son. A cita olímpica de París contará con notábeis ausencias en diferentes deportes, comezando polas delegacións ao completo de Rusia e Belarús, excluídas por mor da invasión de Ucraína, se ben algúns dos seus atletas poderán participar sen bandeira —non será un deles o campión olímpico de 100 e 200 metros costas, o ruso Evgeny Rylov, que renunciou anoxado pola decisión do COI—.

Un criterio, con todo, que non se aplicou ao Estado de Israel, que competirá nos Xogos mentres segue a perpetuar un auténtico masacre en Gaza —si estarán, igualmente, oito representantes de Palestina—.

Especialmente tráxica é a ausencia do kenyano Kelvin Kiptum, un dos favoritos na maratón após vencer nas probas de Londres e Chicago —onde pulverizou o récord do mundo— en 2023, que faleceu o pasado febreiro aos 24 anos nun accidente de tráfico.

Seguindo co atletismo,tampouco estarán —por lesión— as actuais campioa e subcampioa de triplo salto feminino, Yulimar Rojas e Patricia Mamona, nunha proba na que, consecuentemente, a galega Ana Peleteiro aumenta as súas opcións de medalla.

E tamén haberá un baleiro nas principais probas de velocidade de mulleres, pois a xamaicana Elaine Thompson-Herah, ouro en Rio 2016 e Toquio 2020 tanto en 100 como en 200 metros lisos, tampouco viaxará por lesión.

Voltando a vista ao fútbol, tampouco estarán dúas grandes estrelas como Leo Messi ou Kylian Mbappé, quen non agochara o seu desexo de representar Francia ante a súa xente.

E especialmente significativa é tamén a renuncia do ciclista esloveno Tadej Pogačar, gañador do Tour deste ano, alegando cansazo mais afeando tamén a exclusión da súa parella, Urška Žigart, do equipo olímpico feminino.