Con Caparrós eliminado, pugnarán en Pontevedra polo podio da loita mundial Lemma, Castro e Bello

Gonzalo Caparrós esta terza feira en Pontevedra (Foto: Felucha).

As promesas galegas da loita olímpica teñen unha cita moi especial estes días en Pontevedra con motivo do mundial Sub-20 deste deporte. O inicio non foi bo, coa eliminación de Gonzalo Caparrós, agora queda pendente a participación de Candela Castro, Alessandro Lemma e Moisés Bello. 

Pontevedra volve acoller outra competición internacional, desta vez o Campionato do mundo de loitas olímpicas Sub-20 que trouxo até a cidade do Lérez 700 deportistas e perto de 1.500 persoas acreditadas de até 85 países diferentes con 30 pesos en competición. Será o cuarto evento internacional da United World Wrestling (UWW) en cinco anos tras os Europeos Sub-20 do 2019 e os Mundiais de Grappling e Loitas Olímpicas Sub-23 en 2022.

Esta segunda feira tivo lugar a inauguración e os primeiros combates e esta terza feira foi a estrea galega con Gonzalo Caparrós na modalidade grecorromana. A Galiza conta, ademais, coa presenza en libre de Candela Castro, do Club Atila de Ourense (menos de 61 kg); Alessandro Lemma, do Club Cidade de Vigo (menos de 57 kg); e Moisés Bello, do Club San Ignacio de Vigo (menos de 79 kg).

Representación preparada

O máximo responsábel técnico da Federación Galega de Loita (Felucha), Francisco Barcia (Bélxica, 1961), explicou esta segunda feira a Nós Diario que chegan á competición internacional coa máxima preparación para tentar conseguir medallas. “Fixemos unha planificación de concentracións internacionais e nacionais, con adestramentos mesmo en países afastados, como foi o caso de Acerbaixán, e tamén no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Madrid", relata. A preparación máis intensa decorreu "a partir de xullo cos combates que presenciamos no Campionato de España”, sinala o tamén deportista olímpico nos Xogos de Seúl 88 e de Barcelona 92.

Tras 23 anos como seleccionador estatal, este fillo de galegos viviu a emigración e coñece ben o estado actual deste deporte na Galiza polo seguimento que realiza para as diferentes convocatorias. “Temos esperanzas, sabemos que neste Mundial darán o máximo, mais hai que ter en conta que estamos nun campionato do mundo onde as vitorias estarán caras”, admite, “con todo, o adestramento que levan vai encamiñado a que poidan acceder a medallas”, agrega. 

Alén do estado en que chegue cada deportista, Barcia lembra que ten moita importancia quen toque como rival, admitindo algo de azar polo menos no inicio da competición. “É un sorteo puro, polo que pode tocar un moi forte ou un do teu nivel”, asegura. Neste sentido non deixa de pór en evidencia que as potencias neste deporte son Rusia e os países da súa órbita, como Armenia ou Ucraína.  

Estudar o rival coas novas tecnoloxías

O deporte da loita, na súa preparación, mudou tamén co ritmo dos tempos. Malia que hai que agardar polo sorteo para saber quen será o rival, na actualidade dá tempo a estudalo aproveitando as novas tecnoloxías. “Antes de competir, xa podes ver todos os campionatos en internet só con buscar o seu nome, polo que tes unha idea das diferentes estratexias que empregan”, indica este técnico. Porén, no caso das grandes potencias neste disciplina, as categorías como cadete ou júnior “mudan moito de deportista dun ano para outro en países como Acerbaixán, Rusia, Estados Unidos de América ou Irán”, aclara, “non acontece o mesmo con outros como Suíza, Bélxica ou Austria, que sempre traen os seus campións e campioas nacionais”, engade. 

Caparrós abre a participación galega

O primeiro deportista galego en entrar en competición neste mundial foi Gonzalo Caparrós e fíxoo esta terza feira na modalidade grecorromana. Este deportista do club ourensán Atila leva desde pequeno ligado á loita. Horas antes do combate aseguraba a Nós Diario sentirse “bastante ben, estou no peso e véxome con posibilidades de poder loitar ben”. Campión de España en dúas ocasións, afronta con ilusión esta súa primeira competición internacional júnior.

Tocoulle no cruce con Punia, loitador da India. Estaba “ledo” de competir na casa, perto do Centro Galego de Tecnificación (CGT), un lugar que coñece ben por ser as instalacións onde adestra durante todo o ano. “Para min é todo un premio poder competir neste mundial e estar loitando aquí, onde todo o mundo me coñece”, admitía.Aínda con estas boas sensacións, o galego non puido co representante indio e perdeu o combate en primeira rolda. 

Nun choque complicado, a derrota foi por superioridade, sen moitas opcións ante a superioridade do rival. Con todo, o deportista do Atila tentou reclamar ante o colectivo arbitral para que houbese unha revisión do combate, unha posibilidade que se lle denegou polo que sumou outro punto en conta. Con todo, aínda quedáballe a posibilidade de entrar nunha "repesca" de última hora, unha alternativa que non foi adiante segundo se soubo pola tarde.

O seguinte debut galego será o de Candela Castro mañá. A ourensá, tamén do  do club de loita Atila Ourense, obtivo o campionato de España sub20 e sub23 en loita libre feminina, e tamén foi medallista coa selección estatal en numerosos torneos internacionais deste deporte.  Ademais, aínda quedar por estraerse neste campionato Alessandro Lemma e Moisés Bello.