O Mundial Sub-20 de loitas olímpicas toma Pontevedra

O galego Gonzalo Caparrós combaterá esta terza feira iniciando a participación galega nesta competición.
Un dos combates de inicio do Mundial Sub-20 en Pontevedra (Foto: Felucha).
photo_camera Un dos combates de inicio do Mundial Sub-20 en Pontevedra (Foto: Felucha).

A cidade de Pontevedra viviu esta segunda feira a inauguración do Campionato do Mundo Sub-20 de Loitas Olímpicas de Pontevedra. En total, máis de 1.500 participantes procedentes de todo o mundo iniciaron onte unha competición que, por parte galega, contará coa participación de catro deportistas da Galiza: Gonzalo Caparrós, Candela Castro, Alessandro Iemma e Moisés Bello. Neste sentido, haberá que agardar até hoxe ás 11 horas para ver o primeiro dos seus combates, neste caso o de Caparrós contra India. 

Desde primeira hora da mañá, coa pesada, o Pavillón Municipal de Deportes e as diferentes áreas habilitadas foron un constante trafego de deportistas de todos os países até pola tarde, momento no que se coñeceron os primeiros finalistas de loita grecorromana nos 55, 63, 77, 87 e 130kg. A participación estatal estreábase con James Castaño (55 kg), Mario Trujillo (63 kg) e José Ángel Teso (77 kg) que caeron nos seus respectivos combates iniciais vía superioridade técnica, no caso dos dous primeiros, e aos puntos, este último. 

A inauguración decorreu pola tarde e contou coa actuación da Agrupación Folclórica Celme e os discursos de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Francisco Javier Iglesias, presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas, Daniel Benavides, representante de Deportes da Xunta da Galiza; e Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra.

Éxito para a cidade

En declaracións a Nós Diario, a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías indica que este mundial “forma parte dunha estratexia política de captación de grandes eventos internacionais vencellados ao deporte”. Lembra que teñen experiencia “co tríatlon que deu unha proxección internacional moi grande e agora co mundial de loita”.

Pon en evidencia que este será “o primeiro gran acontecemento con deportistas de elite que ten lugar despois das olimpíadas”, un suceso que reportará “visibilidade a través das retransmisións que se fagan e tamén ingresos económicos pola presenza de delegacións e público”. Neste sentido, a cidade do Lérez, unha vez rematado este mundial, xa ten no horizonte próximo outro evento que chegará en novembro: o europeo de ciclocros.    

Comentarios