O Obradoiro presenta Álex Galán como nova fichaxe da tempada

O equipo da capital galega presenta en socieade a fichaxe de Álex Galán. Na máxima categoría, Howard Thompkins recalará este ano na Coruña.
Álex Galán (Foto: Básquet A Coruña).
photo_camera Álex Galán (Foto: Básquet A Coruña).

O Obradoiro presentará esta terza feira en Compostela como nova incorporación ao equipo da capital galega a Álex Galán. Este xogador estivo as dúas últimas tempadas no Básquet A Coruña, equipo co que conseguiu, no último curso, o ascenso directo á máxima categoría do baloncesto estatal. Nas súas últimas estatísticas figura que estivo no campo 17,6 minutos por partido cunhas medias de 5,6 puntos, 2,8 rebotes e unhas porcentaxes de 60% en tiros de dous e de 47% en triplos.

Os anos anteriores, Galán xogou tres tempadas en Primeira FEB co Alacante, cunha media de 7,7 puntos e 4 rebotes, e chegou a debutar en en Primeira co Surne Bilbao na tempada 2021/2022.

Para o director xeral do Obradoiro, Héctor Galán, deste xogador hai que destacar a súa mocidade e experiencia en Primeira FEB. “Aínda que é un xogador novo e en proceso de crecemento, xa conta con moita experiencia na competición", asegura, "pode xogar nas dúas posicións interiores, ten ameaza no poste e tamén no tiro de tres", agrega.

Ademais, salienta que, polo seu físico, "pode axudarnos no rebote ofensivo e alternar en defensa as dúas posicións interiores, defendendo tanto a xogadores grandes como a outros máis pequenos". 

Thompkins, ao Coruña

Na Coruña, co ascenso de categoría, tamén anunciaron nova incorporación, a de Trey Howard Thompkins III (Lithonia, Xeorxia). Este á-pivote estadounidense, formado na Universidade de Xeorxia, arrincou a súa carreira profesional na NBA xogando cos Angeles Clippers. Despois pasou polo BC Nizhni Nóvgorod ruso e o Real Madrid. Nas súas sete tempadas no cadro branco, Thompkins acumulou como palmarés catro campionatos de Liga, tres Copas do Rei, catro Supercopas de España e unha Euroliga.

Comentarios