Fútbol

Lolo Escobar será o décimo noveno técnico do Club Deportivo Lugo desde o ano 2015

A carreira de Lolo Escobar tocou teito na tempada 2021/22, cando dirixiu o Mirandés de Segunda. (Foto: CD Mirandés).
O preparador estremeño, que procede do Alxeciras, substitúe Roberto Trashorras.

Tino Saqués, presidente do Club Deportivo Lugo, volveu activar a principios deste mes de xuño a trituradora de adestradores e destituíu Roberto Trashorras logo de que o de Rábade dirixise  o primeiro equipo albivermello durante tan só 14 encontros.

O escollido para cubrir ese oco aberto hai tres semanas representa un cambio de perfil radical con respecto ao anterior inquilino do banco lucense, un home da casa, pois Manuel María 'Lolo' Escobar non ten ningunha vinculación co fútbol galego.

Aos seus 48 anos, o preparador natural de Don Benito (Estremadura) iniciou a súa carreira durante a década pasada, ascendendo na tempada 2011/12 a modesta Agrupación Deportiva Unión Adarve á Terceira División, categoría na que tamén militou en conxuntos como Puerta Bonita, Trival Valderas e Alcobendas Levitt.

Xa en 2017 asinou polo Las Rozas madrileño, co que ascendeu á antiga Segunda División B en 2019 e logrou a permanencia na terceira categoría en 2020.

O seu bo desempeño alí serviulle de plataforma para saltar ao Salamanca, co que tamén logrou o obxectivo da salvación, chamando así a atención dun Mirandés de Segunda División onde, polo contrario, apenas dirixiu 27 partidos durante a campaña 2021/22 antes de ser destituído polos malos resultados do club.

Tampouco acabou ben no seu seguinte destino, o histórico Hércules de Alacante, ao que non logrou devolver á Primeira Federación na 2022/23 tras ir de máis a menos e onde protagonizou duros enfrontamentos cunha afección á que acusou de protagonizar un "linchamento" contra el e que chegou a saltar ao céspede do Rico Pérez con pasamontañas e avesas intencións logo de dicir adeus ás súas opcións de ascenso tras perder cun Alzira que penaba no fondo da táboa e levaba meses sen gañar.

Xa o ano pasado, o que será técnico do Lugo durante a 2024/25 -tan só asinou por unha tempada-, confirmando a súa condición de trotamundos do fútbol, levou as rendas do Alxeciras da Primeira RFEF, mesma categoría na que milita a formación galega, e conseguiu a meta da salvación, mais, de novo, protagonizando unha baixada de rendemento a final da Liga que non será tolerada nun Lugo que aspira ao ascenso.