Cara e cruz: Vero Boquete, mellor centrocampista do Calcio; Roberto Trashorras, adeus ao Lugo

O fútbol continúa de actualidade pese a rematar (case) todos os campionatos ligueiros.
Vero Boquete, celebrando o tanto que lle deu a clasificación europea á Fiorentina. (Foto: Fiorentina).
photo_camera Vero Boquete, celebrando o tanto que lle deu a clasificación europea á Fiorentina. (Foto: Fiorentina).

C'est fini. O fútbol galego de clubs, coa excepción dun Celta Fortuna que afronta o próximo sábado o partido de volta da primeira rolda do play-off de ascenso a Segunda División fronte o Málaga sabendo que depende de si mesmo logo do empate a dous do pasado sábado en Balaídos, baixou definitivamente a persiana da acción sobre o céspede, que non fóra do terreo de xogo.

Porque esta segunda feira Vero Boquete, que aos seus 37 anos continúa sendo estelar no Calcio italiano, foi recoñecida pola FIGC (Federazione Italiana Giuoco Calcio) como a mellor centrocampista do campionato transalpino. Fundamental na gran tempada da súa Fiorentina, que alcanzou a final copeira e rematou en terceira posición ligueira, a veterana xogadora galega aínda ten moito fútbol nas súas botas.

E, de forma case paralela, o Club Deportivo Lugo activaba de novo a trituradora de adestradores que ameaza todos os técnicos que osan sentar no banco albivermello desde a chegada de Tino Saqués á presidencia en 2015 e cobrábase unha nova vítima: Roberto Trashorras.

O ex xogador de Rábade, que fóra primeiro responsábel do filial do conxunto da cidade da Muralla até o mes de febreiro  e logo encargado do primeiro equipo desde a xornada 14, separan os seus camiños tras "un acordo alcanzado entre ambas as partes", segundo indicou o Lugo nun breve comunicado no que tamén agradeceu "o labor realizado" e a "profesionalidade demostrada" durante o período no que formou parte da entidade, que non puido lograr o obxectivo de regresar á Segunda División masculina estatal.

Éxitos colectivos

A albivermella foi, precisamente, a única escuadra galega que militou nas tres principais categorías durante a 2023/24 que non foi quen de lograr a meta estabelecida a inicios da campaña.

Así, na Primeira División, o Celta, a pesar de optar a máis por ser o ano do centenario, conseguiu -non sen sufrimento- o fin último da permanencia, meta compartida cun Rácing de Ferrol en Segunda División que incluso chegou a soñar co play-off de ascenso a unha elite á que si volveu o Dépor feminino nunha campaña redonda para a entidade branquiazul, pois o masculino fechou unha etapa de catro anos na Primeira RFEF.

Comentarios