Atletismo

Máis de 250 atletas pugnarán en Balaídos polo título galego absoluto

Aos seus 23 anos, Elian Numa é o gran favorito ao triunfo final nos 800 metros lisos. (Foto: Personal Best Management),
O evento está marcado pola proximidade do Estatal.

Nós Diario publica esta cuarta feira a primeira das dúas partes que integrarán a previa do Campionato Galego de Atletismo nas categorías absoluta e Sub-23, un certame de gran transcendencia por disputarse a pouco máis dun mes vista do inicio dos Xogos Olímpicos de París e por ser o último gran test previo para os e as deportistas do país antes do Campionato de España, programado na derradeira fin de semana de xuño na localidade alacantina da Nucia.

Deste modo, no referente á modalidade masculina -as mulleres serán as protagonistas no xornal de mañá- dun certame que se desenvolverá de forma íntegra sobre as pistas municipais de Balaídos o próximo sábado, 15 de xuño, son un total de 250 os homes que serán da partida.

Por sectores, a velocidade terá no plusmarquista nacional e gañador indoor dos 60 metros, Mauro Triana, o seu gran referente. O internacional coruñés, nun gran estado de forma, tomará parte tanto nos 100 como nos 200 metros, sendo, a priori, Pablo Tomé, Adrián Pérez e Ricardo Cortizo quen poden pór en risco o 'dobrete' do competidor do equipo Praias de Castellón.

Jacobo Soler, pola súa parte, non só é o gran favorito ao triunfo nos 400 metros, senón que o feito de lograr baixar recentemente dos 47 segundo fan del o primeiro candidato en moito tempo a rachar cun dos récords máis lonxevos do atletismo galego, en mans de Isidoro Hornillos desde que en 1979 detivese o reloxo nos 46,24 segundos.

Tampouco semella que a igualdade vaia ser o que caracterice as finais nos 800, os 1.500 e os 3.000 metros obstáculos. Deste modo, Elian Numa, David De la Fuente e Hugo García, respectivamente, contan con todas as papeletas para subir ao máis alto do podio en cadansúa modalidade.

Si que haberá competencia, sobre o papel, nos 5.000 metros lisos, onde pouco máis de dous segundos separan os máximos aspirantes ao título galego. Así, tanto o vixente campión absoluto (Esteban Iglesia, cunha marca de 14.19.60), como o subcampión do pasado ano 2023 nos 1.500 (Carlos Porto, 14.21.83) poderían colgar do pescozo a medalla de ouro. 

Tamén estará servida a batalla nos valos, grazas aos internacionais Gerson Vidal Izaguirre e Hugo Vázquez do Marineda At., primeiro e segundo en 2023, e, aínda que o venezolano semella estar un chanzo por diante do resto, tampouco se debe descartar o lucense Santi Rodríguez, que chega como o 'tapado'.

Sainz-Maza repite no salto de altura e na pértega

Un ano máis, o campión da Galiza en pista cuberta, Adolfo Sainz-Maza, participará no salto de altura e no salto con pértega. Na primeira acode a Balaídos coa mellor marca de entre todos os participantes, mais na segunda Aitor Fernández, co que está igualado nos 4,40 metros, porá a proba a súa resiliencia.  

No foxo de lonxitude agárdase un duelo de poder a poder entre Sergio Coello (7,67 metros) e Raúl Cortizo (7,23), mentres que no triplo salto Diego Míguez, ante a ausencia de Alexandre Barreiro -gran dominador das últimas edicións-, debería facerse coa vitoria, o mesmo que Éric Méndez no lanzamento de martelo, Jonathan Correa en xavenila, Miguel Ángel Granado no peso e Víctor Gallego en disco.

Por último, o múltiple campión mundial da categoría máster, Juan Manuel Morales do Marineda será quen lidere a proba dos 5.000 marcha grazas ao seu mellor rexistro de 21.02.06.