Fútbol sala

O Burela debuta no 'play-off' de ascenso co África Ceutí

Os 'laranxas' queren repetir o 6-2 favorábel do seu último choque. (Foto: Pescados Rubén Burela).
Colisión entre o terceiro e o cuarto na táboa no partido de ida. 

A salvación do Noia Portus Apostoli supuxo a confirmación de que a Galiza seguirá contando, canto menos, cun equipo na Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), a máxima categoría masculina a nivel estatal.

Non obstante, esa cifra de galegos podería aumentar até os dous se o Pescados Rubén Burela certifica o seu ascenso nuns play-off nos que debutará tan cedo como este sábado, día 25 de maio. O rival do conxunto galego será o Unión África Ceutí, que viaxará até a Mariña para saltar ao parqué do pavillón de Vista Alegre ás 21 horas.  

Esta igualadísima semifinal entre o terceiro (Burela) e o cuarto (África Ceutí) da Segunda División disputarase a duplo partido, o que significa que haberá que agardar até o que aconteza o próximo 1 de xuño no Guillermo Molina da localidade mediterránea para saber se a escuadra laranxa logra acceder á rolda decisiva.

Na memoria fica o positivo precedente do seu último enfrontamento ligueiro, o pasado 25 de febreiro en territorio burelán, cando os pupilos de David Rial foron quen de levantar o tanto inicial dos visitantes para rematar vencendo por un contundente 6-2, hat-trick de Isma incluído.

Porén, faría mal o Pescados Rubén en confiarse, pese a que, como recoñeceu o seu técnico, está "no mellor momento da tempada". "Comezamos a Liga dunha forma algo titubeante, logo de todos os cambios que tivemos na pretempada, pero pouco a pouco fomos afianzándonos, xerando sinerxías, adaptándonos ao modelo, e iso levounos a chegar ao momento clave tan ben", engadiu.

O Parrulo Ferrol despídese de Adri

Sopran ventos de cambio no Parrulo Ferrol, a outra formación do país na categoría de prata masculina estatal. Así, logo de despedirse esta mesma semana do que era o seu preparador desde o mes de maio, Nacho García, e de seis dos integrantes do seu cadro de xogadores dunha tacada (Coro, Hélder, Lucas Francini, Aitor, Álex Moñino e Negro), esta quinta feira foi a quenda do adeus dunha lenda: Adrián Martínez Vara, 'Adri'.

Acompañado do presidente, Julio Martínez, o capitán oficializou a súa retirada definitiva do fútbol sala con 37 anos: "Moitas grazas. É o momento de dar un paso a un lado".