Novo empate dun Dépor que sofre pero segue líder e perto do ascenso

Faixa pola lingua no Dépor-Eibar

Defensa da lingua galega nas bancadas dun espectacular Riazor.

Un Riazor case cheo, nun espectacular ambiente que tamén tivo espazo para a reivindicación da lingua galega nas bancadas -mediante unha faixa no fondo de Maratón-, foi o escenario onde o conxunto coruñés empatou co segundo da táboa, o meritorio Eibar, nun partido con fases moi distintas e que mantén os coruñeses no liderado, pero perdendo ocasións para pechar por fin un ascenso a Primeira para o que seguen sendo favoritos, pero que custará sufrimento até o final. Só sumaron tres puntos dos últimos doce, con tres empates seguidos.

Foi superior o Dépor durante a primeira hora do partido, con boas combinacións na zona de mediapunta, onde de novo destacaron Sissoko e un renacido Juan Domínguez e que volveu ter a Ifrán como goleador. Adiantouse o conxunto branquiazul cando apenas se disputaran quince minutos, pero non resolveu as ocasións que tivo e deixou espazo para que o Eibar dese un paso cara adiante, xa na segunda metade.

Mal atrás

Un novo erro defensivo -común no equipo de Fernando Vázquez nas últimas xornadas- permitiu que o cedido polo Celta Jota Peleteiro levase as táboas ao marcador nunha magnífica xogada de pizarra. O da Pobra enfadou ao público coa súa celebración -que lle custou un cartón- pero a tensión que dominou o resto do encontro non foi aproveitada polo Dépor -ao que lle custou chegar á portería visitante- nin tampouco por un Eibar que dominou e dispuxo dalgunha clara ocasión, pero acabou conformándose cun punto que deixa a ambos conxuntos nos postos de ascenso, a falta de tres xornadas.