O Obradoiro dá por fechado o seu novo corpo técnico

Rodríguez (no centro) encabeza o novo corpo técnico do Obra. (Foto: Monbus Obradoiro).
Fin ao proceso de renovación pos descenso.

O Monbus Obradoiro leva inmerso desde a consumación do seu descenso á categoría de prata do baloncesto masculino estatal por vez primeira en 12 anos nun proceso de renovación que abrangue os propios xogadores, o persoal non deportivo e o corpo técnico, sendo o movemento máis relevante a saída do histórico Moncho Fernández e a súa substitución por un dos seus axudantes, Gonzalo Rodríguez.

Agora, a directiva da escuadra capitalina dá por completado ese proceso sucesorio após confirmar que Alexandre Fernández seguirá como fisioterapeuta; Rubén Vieira continuará exercendo como preparador físico; Jesús Marque volverá responsabilizarse do apartado médico; e Nico Vázquez será o team manager, uníndose así aos recentemente incorporados Eloy Ramírez e Fran Hernández como man dereita e esquerda nos adestramentos do antedito Gonzalo Rodríguez.

Neste sentido, o director xeral do Monbus Obradoiro, Héctor Galán, amosouse contento de dar continuidade nestas áreas do corpo técnico: "Este ano combinaremos continuidade, coñecemento do club e identidade coa chegada de dous novos adestradores axudantes que achegarán experiencia e coñecemento da competición".

"Por iso [continuou] agardamos que todos teñan esa habilidade de conformar un bo grupo de traballo, con todo o que iso significa, e que sexan quen de trasladar a responsabilidade e o proxecto que temos por diante a todo o equipo. Estamos contentos, ilusionados, e con moitas ganas de que isto comece para poder velos en acción".

Récord de persoas socias no Leite Río Breogán

A diferenza do Obra, o Leite Río Breogán de Lugo continuará xogando na Liga ACB durante a tempada 2024/25 logo de certificar unha agónica permanencia que mobilizou a afección celeste até o punto de rachar o récord de persoas socias cando resta máis dun mes para o inicio da competición oficial.

Segundo informou a entidade presidida por Carmen Lence, a cifra elevábase xa até as 4.800 persoas, cantidade que podería ser superior ás 5.000 a finais da presente semana. Por iso, o Breogán decidiu fechar a venda online e atender só ás que facían cola presencialmente, pois restaban "un número moi limitado de prazas".