Ourense e Sporting poñen a proba o estado de Dépor e Celta

O capitán branquiazul, Lucas Pérez, xa súa sobre o céspede da Cidade Deportiva de Abegondo. (Foto: RC Deportivo).
A tan só 23 días para o comezo da competición oficial na Primeira e a Segunda División, os representantes da Galiza nas principais categorías do fútbol apuran a súa preparación cunha serie de encontros amigábeis que disputarán con profusión de agora en diante para pór a punto as pernas dos futbolistas.

A pretempada é un momento chave para o bo devir dun equipo no transcurso da mesma. Numerosos estudos científicos demostraron ao longo dos últimos 30 anos que un adecuado traballo no período estival "produce melloras tanto no perfil de forza explosiva como no de velocidade dos xogadores", como destacan os profesores García-López, Villa Vicente, Morante Rábago e Moreno Pascual nun dos traballos máis referenciados sobre este tema a nivel estatal.

Pero non todo vai ser adestrar. A disputa de encontros amigábeis é parte consubstancial dunha correcta pretempada, e a falta de pouco máis de tres semanas para o comezo da competición oficial os representantes da Galiza na Primeira e a Segunda División inician esta terza feira un intenso calendario de partidos.

Deste modo, o Celta colidirá co Sporting de Xixón da categoría de prata ás 12 horas na Cidade Deportiva Afouteza de Mos, mentres que o Deportivo, pola súa parte, fará o propio ante o Ourense Club de Fútbol de Primeira Federación no Estadio do Couto da Cidade das Burgas.

Este último choque ten o atractivo engadido de dirimir o gañador do I Memorial Miguel Ángel, homenaxeando así o recentemente falecido porteiro internacional, que perdeu a vida a causa da ELA o pasado 6 de febreiro.

Alí, a escuadra branquiazul estreará as súas novas camisetas de cara á campaña 2024/25, que segundo confesaron desde o club revelarán antes do xogo. Unha delas, din, tributará outra lenda do fútbol patrio: Arsenio Iglesias.

Ademais, no Couto dará as súas primeiras patadas ao balón como deportivista Sergio Escudero, veterano lateral esquerdo de 34 anos procedente do Valladolid que declarou logo da súa presentación onte que chega para "axudar o grupo" nun club que definiu como "histórico".

Polo contrario, no Celta-Sporting o preparador olívico, Claudio Giráldez xa non contará con Carlos Dotor, pois o centrocampista pon rumbo, curiosamente, ao eterno rival dos asturianos, o Real Oviedo. A maiores, tampouco estarán, por decisión técnica, Kevin, Manu, Lobete e Paciência.

Polémica polo Mundial 2030 tanto na Coruña como en Vigo

Disque nunca chove a gusto de todos, e as consecuencias da escolla do Estadio Municipal de Riazor (A Coruña) e a non elección de Balaídos (Vigo) trouxo consecuencias ben diferentes en ambas as dúas localidades.

Na cidade olívica, o Concello enviou unha misiva dirixida á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) na que puxo en cuestión a limpeza do proceso do que saíu a elección definitiva, esixindo poder consultar a documentación e acceder ás actas.

Pola súa parte, na herculina o Dépor pediu reunirse co concello para solicitar "máis información" sobre a futura reforma que deberá levarse a cabo no Estadio de Riazor para ampliar a súa capacidade.