De París aos Ánxeles: que deportes caen e cales se introducen para os Xogos Olímpicos de 2028?

A alcaldesa dos Ánxeles 2028, Karen Bass, recollendo a bandeira olímpica de mans do presidente do COI, Thomas Bach, durante a cerimonia de clausura de París 2024. (Foto: AFP7 / Europa Press)
O breaking cae do programa olímpico dos Ánxeles 2028.

Remataron os Xogos Olímpicos e, malia que París aínda ten por diante os Paralímpicos —do 28 de agosto ao 8 de setembro—, queda aberto o novo ciclo que culminará coa inauguración dos Xogos dos Ánxeles o 14 de xullo de 2028. Na cerimonia de clausura do pasado domingo o presidente do Comité Olímpico Internacional, Thomas Bach, deu paso á nova sede cedendo a bandeira olímpica á súa alcaldesa, Karen Bass, nun acto no que logo a recolleu o actor Tom Cruise para simbolizar a sucesión.

Será a segunda vez na historia que a cidade máis poboada de California (EUA) acolla uns Xogos Olímpicos, após os de 1984, aos que non acudiron nin a Unión Soviética nin outra quincena de países en resposta ao boicot que Estados Unidos impulsara catro anos antes, en Moscova 1980. Esta nova candidatura foi aprobada polo COI en 2017, cando decidiu repartir entre París e Os Ánxeles, as aspirantes á edición decorrida este ano, as de 2024 e 2028.

E se Toquio abriu a porta aos deportes urbanos —skateboarding e baloncesto 3x3—, así como o surf, a escalada deportiva e o karate, e París introduciu o breaking como principal novidade. Os Ánxeles non será menos e xa traballa nun programa con moitas novidades do que caería este último deporte.

Si seguirán a ser olímpicos, dada a súa crecente popularidade nos últimos anos, o skateboarding, a escalada ou o surf, e voltarán a selo outros cuxa aparición nos Xogos foi intermitente ao longo da historia como o béisbol e o softbol, que non podían faltar en 2028 sendo a sede unha cidade estadounidense e que se ausentaron de París após se incluíren en Toquio.

Tamén haberá espazo no programa para recuperar dous deportes que foron olímpicos hai máis dun século: o críquet (1900) e o lacrosse (1904 e 1908). E debutarán como olímpicos dous novos deportes: un de raqueta, o squash, e outro de pelota, o fútbol-bandeira —derivado do fútbol americano, mais sen placaxes—.

Desde o COI xustificaron a inclusión destes deportes alegando que "están en consonancia coa cultura deportiva estadounidense e mostrarán ao mundo deportes icónicos dos EUA", á vez que "traerán deportes internacionais" á sede de 2028 e permitirán ao olimpismo "chegar a novas comunidades de atletas e seareiras en todo o mundo".

Os restantes deportes de París 2024 continuarán, en principio, nos Ánxeles 2028, se ben aínda quedan algunhas incógnitas por despexar. É o caso do boxeo amateur, aínda non incluído e cuxo futuro ficou en suspenso a raíz do enfrontamento entre o COI e a Asociación Internacional de Boxeo (IBA, en inglés). E o pentatlón moderno, que actualmente combina natación, carreira a pé, esgrima, tiro con pistola e hípica, podería sufrir modificacións. Nos próximos meses coñeceremos o programa definitivo.