París 2024 | Atletismo

CRÓNICA | A Peleteiro escápaselle a medalla nunha mala noite en París

Ana Peleteiro, este sábado, no Stade de France. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
A galega rematou sexta nunha final pasada por auga na que o ouro foi para a dominiquesa Thea LaFond, a única atleta capaz de superar este sábado o limiar dos 15 metros. Só oito centímetros separaron Peleteiro do bronce.

Non puido ser. Ana Peleteiro chegaba a estes Xogos Olímpicos con expectativas moi altas despois de asinar unha estrea inmellorábel en Toquio que coroou cun bronce. Naquela cita, hai tres anos, fixo a súa mellor marca até o momento: 14,87 metros. Un rexistro que aínda non foi capaz de superar e que este sábado, nunha final con menores cifras que a de hai tres anos, valería unha prata. Mais hoxe non era o día.

A noite empezou ben para a atleta de Ribeira nun Stade de France practicamente cheo e con moita gana de festa, cun ambiente espectacular. Ela foi a primeira en saltar e, despois de facer o seu clásico ritual —mirada á fronte, berro e palmas cara ao público para que a apoie—, conseguiu unha marca nada desdeñosa de 14,55 que só a xamaicana Shanieka Ricketts (14,61) e a cubana Leyanis Pérez Hernández (14,62) foron quen de bater na primeira rolda. Nada mal para tratarse do primeiro intento.

Non tivo a mesma fortuna Peleteiro na súa segunda quenda, onde tivo que conformarse cun 13,73 moi afastado dos seus rexistros. E aí pasou a liderar a estadounidense Jasmine Moore, que se propulsou até os 14,67 metros logo de debutar cun nulo. Pero iso non foi nada comparado co salto da dominiquesa Thea LaFond nesta nova rolda: 15,02. Viña a París como unha das favoritas e non defraudou, pois ninguén logrou no resto da noite sobrepasar o complexo limiar dos 15 metros.

E como segunda situábase Shanieka Ricketts, que mellorou a súa marca inicial elevándoa até un 14,87 que tampouco houbo quen alcanzase. Nin sequera a atleta galega, que xa a fixera en Toquio —e en Roma este ano ficou ás portas cun 14,85 que lle valeu o ouro europeo e o segundo mellor rexistro da súa historia—.

E así, con LaFond, Ricketts e Moore, quedou definido o podio a falta aínda de catro intentos frustrados para as demais participantes. Entre elas unha Peleteiro cuxa mirada parecía dar a entender que non se estaba sentindo cómoda no Stade de France, pero nunca se pode desconfiar dunha estrela como ela que se crece nas grandes citas. E na terceira rolda saíu a por todas: mirada de tigresa, cara de máxima concentración, forte berro e a correr. Fixo un 14,52 que melloraba o anterior salto pero era aínda insuficiente para meterse na loita polas medallas.

Mentres agardaba a súa nova quenda falaba na banda co seu adestrador, Iván Pedroso, para intentar corrixir entre os dous os erros dunha noite que precisaba dun cambio radical. Porén, as cousas só foron a peor: rematada esta terceira rolda de tentativas e alcanzada a metade da competición empezou a diluviar en Saint-Denis. A choiva obrigou a deter a final de triplo salto por uns minutos e a dar entrada aos operarios para intentar retirar gran parte da auga que anegaba a pista e que seguía caendo. Unha dificultade engadida para unha Peleteiro que precisaba dar a súa mellor versión para repetir no podio olímpico. E coa reanudación mellorou (14,59), mais non abondaba.

Non parecía afectarlle a presión, pois a ribeirá mantiña a súa mirada fría e calculadora que evidencia a máxima concentración e seguridade en si mesma. Nin sequera cando lle tocou saltar por quinta vez e ao seu carón pasaba a corredora Julien Alfred, de Santa Lucía, que viña de gañar o ouro nos 100 metros lisos e percorría o estadio mentres miles de persoas lle dedicaban unha sonora ovación. Peleteiro ficou impasíbel, coa vista no horizonte preparando o salto, mais non conseguiu pasar de 14,26.

Pero si influíu, tanto á galega como ao resto de atletas, o estado da pista por mor da choiva, pois só a cubana Liadagmis Povea conseguiu na segunda metade da gran final mellorar os seus tempos previos (14,64 no quinto salto) para alterar a clasificación na parte noble e situarse cuarta, relegando Ana Peleteiro a unha sexta posición da que xa non se moveu.

No derradeiro intento repetiu, con máis forza se cabe, o seu ritual. O seu berro debérono escoitar até en Ribeira e parecía convencida de lograr o seu obxectivo, mais a sorte non estivo do seu lado esta noite: 14,31 para despedirse dos Xogos de París.

Unha mala noite para Ana Peleteiro que non debe, nin pode, empanar a súa brillante traxectoria e todo o que conseguiu até o de agora, bronce olímpico incluído. Con certeza a ribeirá terá novas oportunidades de demostrar a súa valía e aínda lle quedan moitas noites para que a fortuna estea da súa parte. O seu traballo, crer até o final e demostrar que nada é imposíbel, fíxoo e seguirao facendo.