O Poio Pescamar tratará de lograr a remontada imposíbel ante o Burela
O Pescados Rubén Burela e o Poio Pescamar disputan este sábado o partido de volta das semifinais do play-off polo título de campión da Primeira División de Fútbol Sala, a máxima categoría feminina a nivel estatal.
A sorte quixo que ambas as formacións galegas colidisen nunha semifinal que, no seu encontro de ida, disputado hai unha semana na localidade mariñá, a formación laranxa lograse un contundente triunfo por catro tantos a cero.
Isto significa que no choque da Seca (17.30 horas) a formación conserveira está obrigada a materializar unha remontada que entraría na historia do deporte ante a vixente campioa ligueira.
A fazaña, como, por outra parte, non podía ser doutro modo, semella "posíbel" a ollos do preparador do Poio Pescamar, Luís López-Tulla, quen considera que o derbi galego da ida "non foi tan malo como reflicte o marcador", polo que pensa que a de hoxe será "unha nova batalla" na que as súas xogadoras deberán "mellorar a efectividade de cara á portería contraria e estar máis centradas nos primeiros minutos.
Pola súa parte, o seu homólogo no Pescados Rubén, Julio Delgado, encara o partido cunha idea similar: "Saír a adiantarnos no marcador para lograr a tranquilidade".
"Elas [as futbolistas do Pescamar] non poden fallar, e teñen unha urxencia que será unha arma coa que nós podemos xogar, por iso os 10 primeiros minutos serán tan importantes", engadiu o técnico da Mariña.
Haberá un novo equipo galego na elite masculina?
O masculino do Burela de fútbol sala quere unirse ao Noia Portus Apostoli na elite masculina estatal, pero para iso deberá superar o Antequera nunha final do play-off de ascenso que comeza ás 17 de hoxe.