París 2024 | Atletismo

A PREVIA | Ana Peleteiro busca o seu lugar na historia nunha final na que parte como unha das favoritas

A atleta ribeirá Ana Peleteiro, esta sexta feira, no Stade de France de París, onde logrou á primeira a marca mínima para poder loitar polas medallas. (Foto: RFEA)
Á ribeirá valeulle un único intento para conseguir o pase á gran final deste sábado, na que parte como unha das favoritas para subir ao podio olímpico de novo após lograr o bronce en Toquio.

Ana Peleteiro é única. Os camiños da vida levárona ao máis alto nivel do triplo salto, pero ten o carisma dunha grande estrela do rock. "Non me considero unha estrela, senón unha persoa con moita luz", dicía esta semana en rolda de prensa. Pero abonda con vela na pista para saber que non é unha atleta calquera. E esta sexta feira volveuno demostrar nunha rolda clasificatoria na que só precisou un único intento para meterse na gran final deste sábado (20.20 horas).

A ribeirá foi a oitava do seu grupo (B) en saltar. Colocouse na liña de saída con rostro serio, ollando primeiro cara ao chan e despois ao horizonte coa máxima concentración. E para liberar tensións pegou un forte berro, dirixiuse ao sector da bancada do Stade de France máis próximo batendo os brazos para pedir o seu apoio e puxo en pé medio estadio. Unha última mirada adiante para calcular ben o salto e iniciou a carreira coa seguridade e determinación de quen sabe que non errará.

Precisaba alcanzar os 14,35 metros para certificar o pase á final e con precisión cirúrxica marcou 14,36. Un único intentou abondou para conseguilo. E coa misión xa cumprida, agradeceu a ovación que levou da bancada e marchou para descansar e empezar a preparar xa a final.

Canda ela clasificáronse tamén á primeira a xamaicana Shanieka Ricketts (14,47), a estadounidense Jasmina Moore (14,43) e a cubana Liadagmis Povea (14,39). E aínda que lle custou atopar o punto, a tamén cubana Leyanis Pérez Hernández, que chega como favorita —encabeza actualmente o ránking mundial—, púxose en cabeza após un terceiro salto —o primeiro foi nulo e o segundo non alcanzou a mínima— de 14,68. E cun 14,35 exacto pasaron a italiana Dariya Derkach e a dominiquesa Thea LaFond. A francesa Ilionis Guillaume conseguiu o último billete á final (14,05).

Non están en París, por lesión, as vixentes campioa e subcampioa olímpica, a venezolana Yulimar Rojas —actual plusmarquista mundial co estratosférico rexistro de 15,74— e a portuguesa Patricia Mamona, as dúas atletas coas que Peleteiro, co bronce, compartiu o podio de Toquio. Mais iso non significa, nin moito menos, que o deste sábado vaia ser un camiño de rosas para a galega, pois deberá ofrecer a súa mellor versión para saltar máis lonxe que Moore, Pérez Hernández, Ricketts, LaFond ou a ucraína Maryna Bekh-Romanchuk, cuxas marcas persoais son maiores que a súa e roldan ou mesmo superan o complicado limiar dos 15 metros.

Será unha dura batalla, digna duns Xogos Olímpicos, pero xamais se pode menosprezar a atleta de Ribeira, que afirma sentirse "mellor que nunca" e sempre ten un as gardado na manga. A Toquio non chegaba precisamente cos mellores rexistros... e saltou até os 14,87 metros para rematar terceira e asinar a mellor marca da súa carreira —polo de agora—. E a París viaxou co aval de ser a vixente campioa de Europa, un título que conseguiu o pasado xuño en Roma cun salto de 14,85. Ana Peleteiro terá en fronte grandes rivais... pero con certeza elas tamén temen Peleteiro.

En Ribeira abrirán ás 19.30 horas as portas do Auditorio Vello para seguir a final e apoiar a súa veciña desde a distancia.