Cando remata o prazo para adquirir os boletos para apoiar a selección galega desde a bancada de animación?

O partido servirá para reclamar a oficialidade. (Foto: Siareiras Galegas).
Vía Galega chama a apoiar a Irmandiña desde esa bancada.

Vía Galega, a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza, fai un chamamento a "participar desde a bancada de animación" no partido que a selección galega disputará ante Panamá en Balaídos (Vigo) o próximo 31 de maio, sexta feira, e lembra que comeza a conta atrás para adquirir os boletos.

"Para o resto do estadio poden adquirirse directamente a través da web oficial da Federación Galega de Fútbol", explican, mentres que para estar na bancada de animación hai que realizar o proceso a través de Vía Galega ou dunha peña.

"Coa finalidade de termos unha bancada animosa contamos con 300 boletos a sete euros por persoa, para que sexa o epicentro dos cánticos de alento e reivindicación", engaden, apostilando que alí participarán "conxuntamente" cos grupos de animación dos diferentes equipos galegos, todo para "trasladar folgos durante os 90 minutos" ao combinado nacional.

Iso si, a plataforma social indica que o prazo para pórse en contacto con ela e concretar tanto a reserva como o pago remata tan cedo como esta cuarta feira, día 22 de maio ás 20 horas.

"Animamos a participar como público no regreso da nosa selección aos terreos de xogo tras oito anos de esquecemento por parte da Xunta de Galiza, e así reivindicar o dereito á oficialidade das nosas seleccións deportivas", conclúe Vía Galega.