O vigués Martín De la Puente conquista o bronce en dobres en París 2024

Martín De la Puente (Foto: Europa Press)

A parella formada por Martín De la Puente e Dani Caverzaschi conquistou esta sexta feira a medalla de bronce na competición do tenis en cadeira de rodas nos Xogos Paralímpicos de París, a 37 para a delegación do Estado español.

O galego e o madrileño lograron un fito para este deporte que nunca gañara un metal paralímpico na súa historia após remontar e imporse aos franceses Stéphane Houdet e Frederic Cattaneo por 4-6, 6-4 e 10/5.

O equipo de dobres despídese de París cun gran triunfo; con todo, Martín de la Puente enfrontarase de forma individual este sábado ao tenista arxentino Gustavo Fernández, xogarase pasar á final e conseguir o dobrete en Roland Garros.

O vigués, que foi o máis destacado dos catro contendentes, aínda pode sumar pois outra medalla máis na capital francesa.

Diploma para Rodríguez

A xornada de onte, ademais, o ciclista Damián Ramos quedaba en 12º lugar na súa proba e  o nadador Jacobo Garrido non conseguía pasar á final de S9 en 100 metros bolboreta. 

En esgrima en cadeira de rodas, Judith Rodríguez venceu en cuartos á francesa Clemence Delavoipiere por 8-15 mais non pasou de rolda despois ao perder na categoría A á chinesa  Yuandong Chen por 15-7. Após a repesca, Rodríguez non puido superar a Chui Yee Yu de Hong Kong (China) que se impuxo por un marcador de 15-11 e volve con diploma nesta disciplina.

En paracanoe, Adrián Mosquera pasou a semifinais en VL3 de C1 en 200 metros. O de Cangas finalizou quinto na súa serie cun tempo de 52.38 e buscará unha paraza para a final mañá ás 10:56 horas. Ademais, a padexeira Araceli Menduiña en KL3 de en 200 metros tamén pasou a semifinais que terán lugar mañá ás 10:42 h.