19.000 sinaturas avalan a ILP para protexer as actividades tradicionais de pesca e marisqueo

Representantes da plataforma impulsora da ILP pola defensa da pesca e do marisqueo (Foto: Arxina).
Representantes das federacións de confrarías, así como patróns maiores dalgunhas das grandes confrarías, agrupacións de mariscadoras e colectivos vinculados co mar acudiron esta terza feira ao Parlamento galego para rexistrar as firmas de apoio para incorporar dous novos artigos na vixente Lei de Pesca da Galiza".

Representantes de máis de trinta organizacións e colectivos vinculados ás actividades pesqueiras e marisqueiras da Galiza presentaron onte no Parlamento galego unha Iniciativa lexislativa Popular (ILP) demandando que se introduzan modificacións na vixente Lei de Pesca da Galiza. A iniciativa contou con perto de 19.000 sinaturas e cun significativo respaldo do sector, desde a Federación Provincial de Confrarías da Coruña e Pontevedra até mariscadoras de Vilaxoán, O Grove, A Illa de Arousa ou Pontevedra, pasando polas confrarías de Rianxo ou Cabo de Cruz e a Federación de Bateeiros Arousa e Norte. 

A entrega da ILP coas sinaturas produciuse malia as críticas á Consellaría do Mar por convocar, tamén para onte e con media hora de diferenza, unha xuntanza en Vilanova de Arousa (O Salnés) co sector do mar da ría para planificar novas medidas. Para o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e representante da comisión promotora, Xaquín Rubido, "non foi máis que unha manobra  para buscar que non asistiran á entrega das sinaturas persoas moi representativas do sector do mar na ría de Arousa".  

Interese xeral

A ILP pide, en concreto, dous novos artigos na norma. O primeiro procura que se declaren, a todos os efectos, “de interese xeral as actividades de pesca, marisqueo e acuicultura de bivalvos realizadas no ámbito xeográfico competencia da Xunta da Galiza”. Rubido explica que "a pesca de baixura, o marisqueo e a acuicultura extensiva (bateas) amosaron o seu carácter sostíbel e de fixación de CO₂ na atmosfera", ademais de garantir "a nosa soberanía alimentaria".

Porén, coa actual lexislación, estes sectores non están, segundo Rubido, "en igualdade de condicións con outros como o da minaría, a acuicultura intensiva ou a eólica mariña que si teñen esa consideración o de interese xeral". Entre as persoas responsábeis de organizacións que se desprazaron até Compostela para entregar as sinaturas estivo Raquel Gómez Moreira, presidenta da Agrupación de Mariscadoras Confraría de San Telmo, de Pontevedra. "Para nós é moi importante que se teña en conta a nosa demanda, somos unha actividade tradicional e sostíbel", indica a Nós Diario, "xa debería figurar como de interese xeral", conclúe. 

Prioridade para as actividades tradicionais

A segunda proposta está relacionada coa ordenación do espazo marítimo na Galiza. Neste sentido, demandan “dar prioridade e garantir o exercicio das actuais actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura de bivalvos no ámbito de competencia galega”. A iniciativa quere defenderse fronte a "calquera outro proxecto ou explotación ou á introdución de actividades que resulten incompatíbeis ou supoñan unha afectación negativa para as actividades produtivas devanditas”.

Rubido pon en valor este apartado "nun contexto de moita competencia polo espazo marítimo, as nosas actividades diante a introdución doutras que mesmo contaminan". Esta suxestión xurdiu despois do debate que tivo lugar sobre o proxecto de lei de acuicultura da Galiza que a Consellaría do Mar puxo enriba da mesa en 2016. "Pretendía que a acuicultura industrial fose de interese xeral cando a tradicional non o era", relata Rubido. 

"Agora mesmo non temos ningunha protección ante a chegada de proxectos de acuicultura e de eólicos", afirma Raquel Gómez. Esta mariscadora recoñece que viven unha situación de "medo" ante o deterioro da calidade das augas "e o abandono da actividade e a posíbel ocupación que fagan das zonas que quedan abandonadas por parte da industria".

Após a entrega de sinaturas e á espera de que se teñan en conta a comisión convocou para esta cuarta feira unha manifestación marítima en Vilagarcía de Arousa (O Salnés) e outra en Santiago para o 30 de xuño coa que "arrodear o edificio da Xunta en San Caetano".  

19.414 empregos

Acompañando á ILP, o sector xustifica a petición que presentaron no Parlamento galego con datos. “O marisqueo e a acuicultura en 2020 representaban 1,8% do Produto Interior Bruto (PIB) da economía galega e empregáronse na Galiza 19.414 persoas”, sinalan, "sería 2,9% do total da Galiza -fronte a 3,8% no ano 2000-, un terzo na industria de procesado e conservación e dous terzos nas actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas", engaden. Esa liña de perda de empregos tamén está presente no número de permisos de explotación (Permex) na Galiza "que pasaron de ser 6.551 en 2001 até 3.614 en 2022". 

Ademais, apuntan que en 2021 a Galiza contaba cun censo de frota pesqueira, maioritariamente no caladoiro estatal, "con 4.260 embarcacións, 96% delas empregando maioritariamente artes menores". A estas hai que sumar "1.281 buques da acuicultura de bivalvos e auxiliares, que dan servizo principalmente as 3.386 bateas dedicadas ao cultivo do mexillón". Neste caso, engaden que "en 2020 nas bateas fondeadas nas rías galegas criouse 22% do total dos produtos da pesca e da acuicultura de todo o Estado español".

Máis de 500 embarcacións manifestaranse na ría de Arousa

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) convocou para para esta cuarta feira, sobre as 17.30 horas, unha manifestación marítima acompañando a entrada no Porto de Vilagarcía de Arousa (O Salnés) do buque Artic Sunrise de Greenpeace. Malia que moitas embarcacións de marisqueo están en cese de actividade e teñen que manterse en porto, asistirán outras que si poden. 

Ademais confirmaron a súa participación barcos de bateas e mesmo dornas tradicionais. “Serán máis de 500 embarcacións as que interveñan nesta manifestación que será moi representativa de todas as sensibilidades e actividades que figuran no sector do mar na ría de Arousa”, asegura a Nós Diario Xaquín Rubido.   

Rexenerar as rías

Esta manifestación ten como obxectivo trasladar á opinión pública o malestar do sector cun discurso moi directo. “Dicímoslle á Xunta da Galiza que estamos fartos e fartas de que teñan abandonada a ría de Arousa”, asegura Rubido, “e de que promovan proxectos totalmente contraditorios co futuro da ría, como é o de Altri”, engade. Por este motivo, desde a PDRA demandan que o diñeiro destinado para a empresa portuguesa "sexa para sanear as rías e rexenerar os bancos marisqueiros".