Abanca culmina a compra do portugués EuroBic

Fernando Teles, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas asinando o acordo esta quinta feira. (Foto: Abanca)
A xestión de EuroBic Abanca realizarase a través do Consello de administración que estará presidido polo propio Escotet e formado por 12 conselleiros e conselleiras.

Abanca fechou esta quinta feira a adquisición do banco portugués EuroBic, unha operación que anunciou o pasado mes de novembro após recibir as autorizacións pertinentes tanto do Banco Central Europeo como da autoridade de competencia lusa.

Nun comunicado, a compañía detallou que a compra de EuroBic converte Abanca na sétima maior entidade financeira de Portugal. O banco operará coa marca EuroBic Abanca até que conclúa a integración tecnolóxica en 2025.

Desta forma, en Portugal multiplica por catro a base de clientes, até os 325.000, e por tres e medio a súa rede comercial, con 251 puntos de venda distribuídos nos 18 distritos do país e as rexións autónomas de Azores e Madeira, á vez que multiplica por 2,6 o seu volume de negocio, até superar os 20.300 millóns de euros.

"A adquisición de EuroBic posúe un claro sentido estratéxico para Abanca, dado o dinamismo do mercado portugués, a súa interrelación económica coa Galiza e España e as sinerxías que brinda ao noso proxecto", indicou o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.

A xestión de EuroBic Abanca realizarase a través do Consello de administración que estará presidido polo propio Escotet e formado por 12 conselleiros e conselleiras, na súa maioría portuguesas e que contan cunha "contrastada traxectoria profesional".

A integración permitirá a Abanca medrar en negocios "estratéxicos" para a entidade como a banca de empresas, especialmente nos segmentos de negocios e agro. Do mesmo modo, contribuirá a fortalecer o seu posicionamento en fondos de investimento e asesoramento financeiro e crecer nos negocios de seguros e solucións de pagamento e adquirencia.