Altri considera no seu informe que 25% da poboación de Palas de Rei é analfabeta

Centro de Melide, esta sexta feira. (Foto: Conchi Casares)
O Estudo do Medio Socioeconómico presentado por Altri diante da Xunta da Galiza para tramitar o seu proxecto da celulosa na Ulloa utiliza datos erróneos e manipulados para asegurar que máis de 25% da poboación dos concellos de Palas de Rei, Melide, Santiso e Agolada é analfabeta e xente sen estudos, e di que a apertura da pasteira mudaría esa situación.

O informe achegado pola multinacional portuguesa Altri na tramitación do Proxecto Gama para a construción dunha macrocelulosa na Ulloa (encargado á empresa Trillium Consultores) estuda o medio socioeconómico de catro dos concellos afectados pola instalación da pasteira: Palas de Rei (A Ulloa), Agolada (O Deza), Santiso e Melide (Terra de Melide). Utilizando cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE) de hai máis de 10 anos, asegura literalmente que "os datos amosan unha elevada porcentaxe de poboación analfabeta ou sen estudos nos catro casos (25,7% en Palas de Rei, 15,7% en Melide, 20,6% en Santiso e 5,87% en Agolada)".

Dous parágrafos abaixo neste mesmo informe, un cadro de cifras sitúa esta mesma taxa de analfabetismo en 4% en Palas de Rei, 3,3% en Melide, 2,3% en Santiso e 2,7% en Agolada, que si son os datos correctos rexistrados polo Instituto Galego de Estatística pero que non aparecen comentados no texto do informe achegado por Altri.

Tamén neste mesmo informe din que "é interesante ter en conta a poboación que conta con estudos superiores de terceiro grao, posto que estas persoas poden ser incorporadas á planta como man de obra con alto nivel de profesionalización e cualificación", pero Altri identifica entre estes potenciais empregados que servirían para a súa macrocelulosa un abano de 7,6% da poboación de Palas de Rei, 6,6% de Melide, 5,7% de Santiso e 7,19% de Agolada.

Bolsa de emprego

As cifras arredor do emprego que Altri pensa crear coa súa macrocelulosa en Palas de Rei teñen mudado no tempo en cuestión de dous anos, pasando dos 2.500 postos de traballo directo que anunciaba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en nota de prensa en decembro de 2022 aos perto de 500 empregos directos que agora refire a empresa. Este mes de xuño, Greenfiber (Altri máis Greenalia) anunciaba, primeiro na TVG o 30 de xuño e 12 días despois nunha nota de prensa, a posta en marcha dunha bolsa de emprego para captar currículos para estes postos de traballo.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada (PP), anunciaba na prensa local en marzo de 2024 que chegaran ao Concello máis de 1.000 currículos de persoas interesadas en traballar na macrocelulosa (mesmo da Arxentina, segundo dixo hai meses o rexedor). As cifras non coinciden coas da empresa, xa que hai cinco días a directora de Recursos Humanos de Altri, Olga López, cifraba en 350 o número de currículos chegados á plataforma de Greenfiber.

O feito de que Altri teña posto en marcha unha bolsa de emprego sobre un proxecto que non conta cos permisos legais que ten que outorgarlle a Xunta da Galiza e que aínda están en tramitación levantou as críticas de veciñanza e colectivos, desde a Plataforma Ulloa Viva consideran este paso adiante de Altri "un engano máis de todas as mentiras ás que nos ten acostumadas a empresa". Pero a este "engano" por parte da pasteira portuguesa sumouse esta semana a Xunta da Galiza, que vén de incluír a bolsa de traballo de Altri na plataforma oficial do Servizo Galego de Emprego, e Nós Diario ten constatado que as distintas Oficinas de Emprego da Xunta a nivel local están a remitir a persoas desempregadas que teñen rexistradas os datos desta bolsa.

Campaña de captación

A través dun aviso, o Servizo Galego de Emprego publicou o pasado 24 de xullo a "campaña de captación curricular Greenfiber SL (Grupo Altri)". Neste aviso, a Xunta da Galiza di textualmente "informamos da colaboración coa empresa Greenfiber SL na súa campaña de captación curricular para a fábrica de produción de fibra téxtil proxectada en Palas de Rei". Neste mesmo anuncio do Servizo Galego de Emprego explican en cada área de xestión de demandantes de emprego que "a oferta publicada no portal de emprego está a ser xestionada pola oficina de emprego de..." e en cada área inclúen un concello distinto, e destacan a continuación desde o organismo oficial que "é importante ter en conta que as persoas interesadas deben realizar o contacto directamente coa empresa a través da súa web".

Deste modo está a participar a Xunta da Galiza na captación de empregados (o número aínda non é oficial) dunha fábrica que non conta cos permisos legais preceptivos que ten que outorgar o Goberno galego, e que no mellor dos casos cumprindo os prazos previstos podería estar operativa nun horizonte de catro anos. Nos perfís que busca esta captación de Altri e a Xunta non aparece ningún asociado á fase de construción que tería que pór en marcha a empresa no caso de recibir as pertinentes autorizacións ambientais e administrativas.

Altri busca nesta bolsa de emprego técnicos de produción, mecánicos, programadores, enxeñeiros industriais, analistas de laboratorio, enxeñeiros mecánicos e civís, entre outros perfís altamente cualificados. As contradicións de Altri nos seus reiterados anuncios en materia de emprego teñen provocado tamén varias alegacións, nomeadamente a do Concello de Melide, que con datos de expertos da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela pon en cuestión os datos nos que se basea o proxecto.

Supostos representantes da empresa ofrecen nas casas estudos de Enxeñaría

Segundo relataron a Nós Diario algún veciños e veciñas de Palas de Rei, logo de saír publicada en prensa a suposta bolsa de emprego para a macrocelulosa, representantes da pasteira portuguesa e Greenfiber (Altri e Greenalia) visitaron este mes en persoa algúns domicilios ofrecendo "pagarlle a carreira de Enxeñaría en Madrid ao fillo".

Mesmo algún dos que recibiron esta visita explican que lles dixeron da empresa que "se os rapaces teñen problema con algún profesor, xa amañamos nós". Resultou curiosa esta visita nalgunhas aldeas de Palas de Rei, porque os supostos representantes de Altri só foron a casas nas que había fillos e fillas en idade de estudar ou sen traballo".