A ameaza de aranceis pon en xaque o lácteo galego: Bruxelas impugna a investigación da China contra as importacións desde a UE

Á esquerda, dúas mulleres traballando nunha granxa leiteira galega. Arriba, datos das exportacións lácteas á China. Abaixo, unha factoría de coches da firma chinesa BYD. (Fotos: Carlos Castro / Europa Press / Nós Diario / BYD)
A China anunciou en agosto unha investigación contra os produtos lácteos chegados da Unión Europea (UE) e que estudaría impoñer aranceis unha vez analizados os resultados. Bruxelas, en resposta, impugnou a pescuda na Organización Mundial do Comercio (OMC). Galiza, que aglutina máis de 90% das vendas estatais leiteiras ao mercado chinés, sufriría os impactos dunha eventual guerra comercial.

A Comisión Europea informou esta segunda feira de que impugnou ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) a investigación que o Goberno da China lanzou contra as importacións dalgúns produtos lácteos da Unión Europea (UE) ao seu mercado como represalia aos aranceis da UE ao coche eléctrico chinés. Bruxelas, que denuncia que a investigación ao lácteo baséase en "acusacións cuestionábeis e probas insuficientes", critica o "patrón emerxente" que está a seguir a China con varias accións proteccionistas nun período curto de tempo.

A impugnación por Bruxelas supón o primeiro paso nun procedemento de solución de disputas no marco da OMC e implica a solicitude de consultas para buscar unha solución satisfactoria para ambas as partes. Pola contra, a UE poderá pasar á seguinte fase e reclamar ao organismo multilateral un panel para decidir sobre esta investigación.

Segundo destacan os servizos comunitarios, esta é a primeira vez en que o bloque decide dar o paso de impugnar unha investigación na súa etapa de inicio, sen esperar á súa conclusión. A Comisión Europea, que fala en nome dos 27 Estados da UE en materia comercial, explica a decisión polo "compromiso de defender con firmeza os intereses da industria" láctea da UE e a Política Agraria Común (PAC) fronte a procedementos "abusivos". 

O Executivo comunitario avisou da súa determinación por "facer pleno uso de todos os medios legais dispoñíbeis" para defender a produción da UE do "abuso de instrumentos de defensa comercial". O caso remóntase ao pasado 21 de agosto, cando a China anunciou unha investigación antisubvencións sobre algúns produtos lácteos importados da UE entre abril do 2023 e marzo do 2024 (como leites, manteigas, requeixos, natas líquidas con contido en graxa superior a 10%, soros lácteos e varios tipos de queixo fresco). 

Beijing cuestiona con esta investigación as axudas da PAC e algúns programas rexionais e estatais que, segundo Bruxelas, son axudas que "se axustan plenamente ás regras internacionais e non causan prexuízo algún á industria láctea chinesa".

Galiza, a máis prexudicada

As investigacións chinesas sobre algúns programas de subvencións a nivel rexional e estatal concirnen axudas gobernamentais desenvoltas en Irlanda, Austria, Bélxica, Italia, Croacia, Finlandia, Romanía e a República Checa. A pesar de non estar Galiza nin o Estado español nestas pescudas, si o están as axudas da PAC que perciben as explotacións galegas. Ademais, a interposición de medidas sobre as importacións chinesas de produtos comunitarios terían un efecto similar sobre toda o mercado da UE, polo que producirían impacto en Galiza.

Segundo explicou o Executivo chinés no mes de agosto, unha vez rematada a investigación e valorado os "danos" que as axudas públicas da UE ao sector lácteo da China, estudará a posibilidade de impoñer aranceis ou restricións comerciais sobre varios produtos comunitarios.

Unha vez rematada a investigación, a China estudará impoñer aranceis

Neste sentido, Galiza sería a principal prexudicada entre as autonomías do Estado español dunhas eventuais medidas proteccionistas do Goberno chinés contra os produtos lácteos procedentes da UE. Máis de 90% das exportacións de leite e derivados a nivel estatal proceden de Galiza (82 dos 91 millóns de euros rexistrados durante o ano 2023), polo que a práctica totalidade do impacto económico desta guerra económica entre a UE e a China tería o sector leiteiro galego como protagonista.

Este protagonismo de Galiza nas vendas de produtos leiteiros no mercado chinés non e só a nivel estatal, senón tamén no conxunto da UE. Desta maneira, o Estado español, con máis de 90% das exportacións procedentes de Galiza, foi o pasado ano o cuarto provedor comunitario da China en volume de mercadorías (por detrás de Francia, Bélxica e Irlanda) e o quinto en valor (por detrás de Francia, Italia, os Países Baixos e Dinamarca).

Entrada do coche chinés

A outra cara desta moeda é o sector da automoción. A Comisión Europea anunciou a pasada semana que seguirá adiante cos aranceis aos coches de batería eléctrica importados desde a China para compensar os subsidios estabelecidos por Beijing. Bruxelas fixo este anuncio despois de que a pasada quinta feira concluíra sen éxito unha reunión entre o vicepresidente económico do Executivo comunitario, Valdis Dombrovskis, e o ministro de Comercio do Estado asiático, Wang Wentao, nunha xuntanza na que intentaron resolver a crise bilateral aberta.

A UE aplica desde o pasado mes de xullo aranceis de até 38,1% aos automóbiles de batería eléctrica importados desde a China, os cales se suman aos de 10% estabelecidos sobre as importacións de vehículos a nivel xeral, nunha medida proteccionista provisional que se converterá en permanente nas próximas semanas de non existir unha maioría cualificada suficiente (dun total de 15 Estados que sumen como mínimo 65% da poboación total da UE) entre os Estados para o seu freo.

Os vehículos chineses aumentan o protagonismo no mercado da UE

Neste contexto, varios portais de venda de vehículos sinalan que, a pesar dos aranceis impostos desde xullo, os coches chineses están a ter un protagonismo crecente no mercado comunitario. Así, algunha destas compañías afirma que as procuras de modelos de marcas chinesas cuadriplicáronse no segundo trimestre do ano nos mercados de ocasión e que esta tendencia estase a manter no terceiro.

Os portos galegos de titularidade estatal aumentan 16,4% o tráfico

Os portos de interese xeral do Estado en Galiza aumentaron 16,4% o tráfico de mercadorías en agosto en comparación co mesmo mes de 2023, cun volume de 2.818.168 toneladas, segundo os datos que publicou esta segunda feira o Ministerio español de Transportes. Con todo, hai diferenzas entre os cinco portos de titularidade estatal. Por unha parte, aumentaron os tráficos na Coruña (1.366.367 toneladas), Ferrol-San Cibrao (643.978 toneladas) e Vigo (398.880). Con todo, baixaron en Marín-Ría de Pontevedra (301.363 toneladas) e Vilagarcía (107.580 toneladas).

No acumulado do que vai de ano, entre xaneiro e agosto, o porto de Marín-Ría de Pontevedra lidera o crecemento relativo (+19,1%) na comparativa co mesmo período de 2023, cun total de 1.743.589 toneladas. Tamén soben en Vigo (+11,3%), con 3.578.490 toneladas, e A Coruña (+11%), con 10.086.439 toneladas, o de maior volume global. En cambio, nos oito primeiros meses de 2024 houbo un importante descenso dos tráficos de mercadorías en Ferrol-San Cibrao (-21,2% con 4.690.537 toneladas) e tamén baixaron en Vilagarcía (-7,4% con 957.237 toneladas).

No tocante a cruceiros, o porto da Coruña experimentou un crecemento de viaxeiras en agosto de 35,2%, con 272.110 cruceiristas. Contrasta co descenso de 6,3% de Vigo, que quedou en 111.829. Rexistrou un auxe o de Ferrol-San Cibrao con 10.047 cruceiristas, 122,7% máis que un ano antes. Igualmente, houbo unha repunta de 31,9% Vilagarcía e en Marín-Ría de Pontevedra 765 visitantes no que vai de ano (cero no mesmo período de 2023).