Audasa incrementa un 9,5% os seus beneficios a conta da cidadanía e da Administración

Cabinas de peaxe na AP-9. (Foto: Audasa)
A concesionaria da autoestrada AP-9 obtivo un beneficio neto de 39,54 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, o que supón un 9,5% máis que os 36,12 millóns contabilizados no mesmo período de 2023.

Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, obtivo un beneficio neto de 39,54 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, o que supón un 9,5% máis que os 36,12 millóns contabilizados no mesmo período de 2023.

Segundo os datos difundidos esta quinta feira pola compañía, este incremento do seu resultado explícase por un crecemento dos seus ingresos tanto polo pagamento de peaxes da cidadanía como as achegas da Administración.

En concreto, Audasa facturou entre xaneiro e xuño 96,6 millóns de euros, un 7,7% máis. Deste total, 67,1 millóns proveñen das usuarias, un 9,3% máis. Pola súa parte, os ingresos achegados pola Administración alcanzaron os 29,5 millóns, un 4,2% máis.

Máis especificamente, as peaxes en sombra supuxeron 6,2 millóns de euros públicos para a concesionaria da autoestrada, mentres que as bonificacións foron de 20,2 millóns e a limitación de tarifa 3,1 millóns entre xaneiro e xuño deste ano.

Todo isto permitiu un resultado de explotación de 57,6 millóns, un 4,3% máis, así como un resultado antes de impostos de 52,7 millóns, un 9,5% máis.

54,3 millóns de viaxes

No primeiro semestre do ano, a AP-9 contabilizou uns 54,3 millóns de viaxes, das cales 19,5 millóns foron de pagamento, mentres que 7,2 millóns foron bonificadas e 19,9 millóns libres de peaxes, ademais de 7,7 millóns con peaxes en sombra (sen custo directo para as usuarias mais co pagamento da Administración en función da cantidade de viaxes).

Así, a intensidade media diaria na AP-9 entre xaneiro e xuño foi de 24.713 vehículos, un 2,6% máis que hai un ano. A intensidade media de peaxe, incluíndo aquelas que están en sombra, foi de 21.909 automóbiles. Pola súa parte, o persoal de Audasa creceu en catro persoas, até 227 empregadas. Do total, un 46% son mulleres.

Baixo a lupa de Bruxelas

Os avultados beneficios de Audasa chegan no mesmo semestre no que a Comisión Europea anunciou a apertura de expedientes de infracción contra o Estado español por incumprimento das normas comunitarias de contratación pública e concesión de autoestradas na AP-9. 

Previamente, no ano 2019, a asociación de consumidores En Colectivo presentou ante o Executivo da Unión Europea (UE) unha denuncia ao respecto. Na mesma, esta organización incidía en que as prórrogas aprobadas nos anos 1994 (até 2023, durante o Goberno do socialista Felipe González) e 2000 (até 2048, durante o Goberno do popular José María Aznar) equivalen a unha nova concesión e que, por tanto, deberían terse convocado as necesarias licitacións.

A pesar de que o prazo marcado inicialmente para que o Executivo estatal puidese responder a este expediente de infracción aberto desde Bruxelas remataba o pasado 24 de xuño, finalmente solicitou unha prórroga de dous meses, que lle foi concedida, logrando deste modo máis marxe para enviar a súa xustificación.