Parlamento

A investigación sobre o 'pelotazo' da AP-9 non prospera no Parlamento

O PP considera que a Cámara galega "non é o lugar" para botar luz sobre as condicións nas que se privatizou a Autoestrada do Atlántico.
Alberto Pazos Couñago e Luís Bará, esta terza feira, no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Alberto Pazos Couñago e Luís Bará, esta terza feira, no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)

O PP denegou esta terza feira a comisión de investigación parlamentaria que reclamaba o BNG sobre a concesión e privatización da autoestrada AP-9, a "maior estafa" do século na Galiza e "un auténtico 'pelotazo' de libro".

No pleno do Parlamento galego, o deputado do BNG Luís Bará denunciou o "constante trato de favor e prebendas que a concesionaria", Audasa, "recibiu por parte do Goberno estatal de todas as cores", onde "sobresae" a prórroga concedida en 2003 polo Executivo do popular José María Aznar até 2048, o que condena a pagar peaxes "absolutamente abusivas". "Van te que apandar con esta carga", avisou ao PP. 

Así, Bará acusou os populares de vetar esta comisión para "protexer os responsábeis do maior ataque a Galiza neste século", no que cualificou de "ultraxe". O BNG demanda "luz e taquígrafos" arredor do que considera "un cúmulo de irregularidades que deben ser aclaradas en sede parlamentaria".

Bará enumerou unha listaxe de posíbeis comparecentes a citar na comisión: o propio Aznar, "o gran privatizador"; Alberto Núñez Feixoo, na altura conselleiro de Obras Públicas e "bendixo a privatización da AP-9"; o ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi; os ex ministros de Fomento Rafael Arias e Francisco Álvarez-Cascos; así como os ex presidentes  de Sacyr José Manuel Loureda e Luis del Rivero, entre outros. 

"Non é o lugar"

En cambio, Alberto Pazos Couñago, portavoz do PP, xustificou a negativa a esta investigación porque "non é necesario celebrar unha comisión aquí", senón que "o lugar axeitado é no Congreso", ao tratarse dunha infraestrutura estatal. "Deixen de facer perder o tempo ás galegas e aos galegos", pediu. 

Pola súa parte, Carlos López Font, do PSdeG, cuxo grupo apoiou a petición, afirmou que "o PP debe pedir perdón ás galegas polo realizado por Aznar", pois cada vez que se paga unha peaxe na AP-9 "ten un culpábel", o que contrasta coa "coherencia" dos socialistas.

Comentarios