Cava catalán nun acto sobre viños galegos: críticas da Asociación Galega de Viticulturaá Axencia de Calidade

Estes días teñen lugar as catas previas de viños galegos (Foto: Agacal).
A Asociación Galega de Viticultura carga contra Medio Rural por esta decisión e a Consellaría deféndese asegurando que "foi por conta propia do restaurante". 

 Asociación Galega de Viticultura (AGV) criticou esta cuarta feira que nun xantar con motivo das catas previas dos viños galegos que organiza a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) se servise, ao remate, cava catalán en detrimento do recoñecido espumoso galego. 

A situación deuse a pasada terza feira, tras a cata previa realizada a viños da DO do Ribeiro e antes de comezar a da DO da Ribeira Sacra. Ao redor de vinte catadoras e catadores participaron nun ágape no que, ao seu remate, serviron como bebida cava catalán sen posibilidade de contar cun produto da Galiza semellante, como é o caso dos espumosos galegos.

As queixas de parte de profesionais que asistiron chegaron á AGV, que criticou a situación. En declaracións a Nós Diario, o seu presidente, Roberto Rivas, considerou o feito como "grave". O responsábel desta asociación entende que "se a Administración galega organiza este tipo de actividades, ten que vixiar que non sucedan erros así". 

Rivas considera que o xantar realizado por Agacal era "un acto oficial pagado con diñeiro público e dentro das súas competencias de promoción dos produtos galegos", unha circunstancia "que non se cumpriu", advirte.

"Ofreceuno o restaurante"

"O cava catalán que se serviu no xantar das precatas de viños galegos non estaba previsto, nin foi contratado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria", aseguraron esta cuarta feira a Nós Diario fontes da Consellaría de Medio Rural, departamento ao que pertence Agacal. Segundo explican, a polémica bebida "ofreceuna por conta propia o restaurante no que se levou a cabo dito xantar".