Baixa o pano a reunión de ministros da UE e América Latina que revolucionou Compostela

Foto de familia do Ecofin en Compostela (Foto: Arxina).

O comisario europeo de Comercio, Valdis Dombrovskis saudou o que os líderes europeos xa denominan "a Vía de Santiago” ou “Camiño Fiscal".

Santiago de Compostela acolleu este onte e hoxe a reunión informal de ministros de Economía e Finanzas (Ecofin) da Unión Europea, que contou coa presenza de ministros de 60 países, tanto da UE como, por primeira vez, de América Latina e os países do Caribe.

O Estado español ocupa este semestre a presidencia de quenda da UE e, baixo ese papel, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital en funcións, Nadia Calviño, buscou achegar posicións sobre algúns dos temas máis relevantes antes de fin de ano, como a reforma das regras fiscais ou a gobernanza para despregar investimentos en América Latina e o Caribe.

Con motivo desta cita "histórica", segundo Calviño, unhas 1.600 persoas coincidiron en Santiago de Compostela para seguir as reunións e citas celebradas esta semana polo Ecofin. Pasaron pola cidade unhas 100 delegacións de diferentes países, gobernadores de ambas as partes do mundo e tamén representantes de bancos multilaterais e das principais institucións financeiras internacionais.

Un dos principais puntos que se abordou foi a reforma das regras fiscais europeas. Calviño destacou o "forte compromiso" de todos os socios europeos para buscar un consenso respecto diso.

O comisario europeo de Comercio, Valdis Dombrovskis, destacou a "ambición" da presidencia española para ter antes de que acabe o ano un acordo ao redor das regras fiscais. "Pode que sexa un gran desafío, pero están moi comprometidos", dixo.

Saudando "a ambición" para chegar a un acordo antes de que termine o ano, mostrouse partidario de ver de que maneira "se pode avanzar" no que os líderes europeos xa denominan "a Vía de Santiago ou Camiño Fiscal".

Precisamente Calviño con anterioridade valorou como "elemento moi positivo" o Camiño de Santiago e destacou que serviu para "moitas metáforas" aos participantes no Ecofin. "Estou segura de que todos van volver. Ti vas volver?", preguntoulle, ao que Dombrovskis respondeu que si.

Novo mecanismo de gobernanza para investimentos en América Latina

O histórico encontro reuniu a 60 países que representan 14% da poboación mundial e 21% do PIB global, e os proxectos acordados alteran a Axenda de Investimentos Global Gateway anunciada durante o Cume de líderes UE-CELAC de xullo, que mobilizan un investimento público-privado de máis de 45.000 millóns de euros para o reforzo da alianza con América Latina e o Caribe.

O novo mecanismo de seguimento acordado na reunión inclúe xuntanzas trimestrais para compartir boas prácticas e considerar os próximos pasos para ampliar a Axenda de Investimento. A primeira destas reunións terá lugar en Bruxelas no primeiro trimestre de 2024.

A Comisión Europea recompilará e actualizará a información pertinente de cada proxecto e manterá unha base de datos completa e actualizada. Institucións como a CAF-Banco de Desenvolvemento de América Latina, o Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) apoiarán á Comisión Europea nesta tarefa.

Presenza en Santiago dos candidatos para presidir o BEI

A cita económica en Santiago estivo marcada pola carreira á presidencia do Banco Europeo de Investimentos (BEI, posto ao que aspira Nadia Calviño.

Unha das sorpresas do encontro foi a presenza na cidade doutros tres candidatos ao cargo. A xa ex vicepresidenta executiva da Comisión Europea responsable de Competencia, a danesa liberal Margrethe Vestager, recoñecía abertamente que a súa presenza en Santiago respondía ao obxectivo de achegar posturas sobre a súa candidatura á presidencia do BEI.

Ademais de Vestager, trasladáronse á capital galega outros dous rivais de Calviño: o ex ministro de Finanzas de Italia baixo as ordes de Mario Draghi, Daniele Franco, e a polaca Teresa Czerwinska, que ocupa actualmente a vicepresidencia do BEI.

O proceso sobre a decisión para elixir ao próximo presidente do BEI correspóndelle ao presidente do consello de Gobernadores do Banco, que recae neste momento no ministro de finanzas belga. Non hai un procedemento escrito, salvo que se deberá elixir a un novo presidente antes de que culmine o mandato do actual a finais deste ano.