“Equilibrio” orzamentario, a receita do Ecofin en Compostela

"Está claro que a proposta que fixemos está aberta a modificacións que decidirán os Estados membro, pero é necesario que se hai correccións, non cambien o equilibrio da nosa proposta”, dixo.

Christine Lagarde, esta mañá no Ecofin de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Christine Lagarde, esta mañá no Ecofin de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).

O comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, recoñeceu "avances" positivos na revisión das regras fiscais pero pediu hoxe en Compostela aos Estados membro -que se comprometeron a fechar un acordo antes de que acabe o ano- que "non cambien o equilibrio" da proposta presentada por Bruxelas para garantir unha senda de débeda descendente pero sen comprometer os investimentos.

A revisión da disciplina fiscal que expuxo en novembro o Executivo comunitario contempla regras máis flexíbeis e alcanzábeis, como unha senda de gasto neto a medio prazo suxeita á débeda específica de cada país cun horizonte de catro anos ampliable até un máximo de sete, aínda que se mantén o tope do déficit público nun 3%.

"Está claro que a proposta que fixemos está aberta a modificacións que decidirán os Estados membro, pero é necesario que se hai correccións, non cambien o equilibrio da nosa proposta”, dixo.

“Noutras palabras, non podemos modificar só nunha dirección unha proposta que debe manter xuntos tanto o obxectivo da estabilidade financeira como o de promover os investimentos e o crecemento nun contexto de retardación da economía", explicou Gentiloni desde a reunión de ministros de Economía e Finanzas da UE (Ecofin) que se está desenvolvendo en Santiago de Compostela.

Con todo, resaltou a "contribución positiva" deste Ecofin, que deu lugar a un resultado "importante" ao mostrar o ánimo de todos os países, "en primeiro lugar, de acelerar e intensificar substancialmente o traballo para alcanzar este acordo e, en segundo lugar, a vontade de compromiso, que por suposto debe transformarse en decisións".

Comentarios