Cales son os produtos que máis encareceron?

O aumento interanual dos prezos foi maior na Galiza que no Estado español en todos os meses do ano 2024. (Gráfica: INE / Nós Diario)
A suba de custos a nivel galego foi a maior entre as autonomías do Estado español por quinto mes consecutivo.

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) fechou xullo cun aumento do 3,1% na Galiza con respecto ao mesmo mes de 2023, o que supón un descenso de seis décimas porcentuais na taxa interanual. Con todo, a suba de custos a nivel galego foi a maior entre as autonomías do Estado español, sendo a única comunidade que alcanzou o limiar de 3%. Ademais, xullo foi o quinto mes consecutivo no que a Galiza marcou a maior taxa estatal.

A alza do IPC interanual a nivel galego foi tres décimas porcentuais superior á do conxunto do Estado (2,8%), segundo os datos definitivos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Despois da Galiza situáronse Asturias, Balears, Canarias, Catalunya e Euskadi, todas elas con 2,9%. O dato de xullo, con todo, mostrou unha considerábel caída a respecto da inflación do mes anterior, cando na Galiza a taxa interanual fora de 3,7%.

Esta moderación débese á caída en todos os grupos da estatística do IPC na comparanza con xuño agás no das bebidas alcólicas e o tabaco —incremento de nove décimas— e no dos restaurantes e os hoteis —sete décimas máis—. Este último apartado situouse á cabeza do encarecemento interanual, cunha suba de 6%.

En termos mensuais, a inflación descendeu en xullo na Galiza 0,5% a respecto de xuño, unha caída similar á experimentada no conxunto do Estado español. Pola súa parte, a inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), neste caso sen datos desagregados a nivel galego, igualou en xullo a taxa xeral do IPC estatal, de 2,8%, tras ceder dúas décimas porcentuais respecto a xuño e rexistrando o seu menor nivel desde xaneiro de 2022.

O aceite de oliva, o que máis subiu en 12 meses

O INE non ofrece tampouco os datos desagregados a nivel galego para os diversos tipos de produtos concretos. Porén, a nivel estatal e en taxa interanual, o que máis subiu de prezo volveu ser aceite de oliva (+38,3%), seguido do transporte marítimo de viaxeiras (+30,9%), dos zumes de froitas e vexetais (+17,4%), así como do chocolate (+13,7%).

O ascenso do prezo do aceite de oliva a nivel estatal é unha tendencia que tamén se está internacionalizando. Neste sentido, o aceite de oliva procedente do Estado español superou por primeira vez en prezo medio os aceites italianos no mercado estadounidense, segundo o Departamento de Comercio dos EUA.

Por outra parte, os prezos que máis caeron en xullo en relación ao mesmo mes de 2023 foron os dos outros aceites (-11,8%), dos equipos de telefonía móbil (-10,5%), do gas natural (-7,9%) e das cafeteiras e teteiras (-5%).

En termos mensuais, o que máis subiu de custo en xullo respecto a xuño foron os paquetes turísticos estatais (+18,6%) e os voos estatais (+14,3%). Por contra, segundo os datos do INE, o maior abaratamento foi o das pezas de vestir para bebés e crianzas (-13,2%), as vestimentas de muller e home (-11,2% e -7,1%, respectivamente) e o calzado para bebés e crianzas (-9,3%). Pola súa parte, o aceite de oliva baixou o seu prezo 5,5% respecto ao mes anterior, rexistrando o terceiro recorte mensual consecutivo, o que non sucedía desde xullo do ano 2022.

O Goberno español salienta o freo do IPC dos alimentos

O ministro español de Economía, Carlos Cuerpo, salientou esta terza feira que a inflación dos alimentos, que segue crecendo aínda que a menor ritmo, rexistrou no mes de xuño a súa menor taxa de variación interanual en case tres anos. Neste sentido, o aumento do IPC dos alimentos en xullo respecto ao mesmo mes do ano anterior foi de 3,2% no caso da Galiza, o menor aumento interanual desde novembro de 2021. No Estado, a suba foi de 3,1%.