O outro temporal no mar: O cerco mantén o amarre, pide a demisión do presidente das confrarías e reproba a xestión da Xunta

O reparto prexudicial para Galiza das cotas como a da xarda e o xurelo nas negociacións en Madrid xerou un profundo malestar no sector.

A flota galega do cerco segue amarrada en protesta pola discriminación no reparto das cotas de xarda (ou rincha) e xurelo decidas nunha negociación en Madrid. Un cento de armadores reuníronse esta terza feira en asemblea en Portosín, onde aprobaron un manifesto de cinco puntos.

A petición da demisión do presidente da Federación Galega de Confrarías, o cambadés Benito González Sineiro, e a reprobación da xestión da Consellaría do Mar neste tema, son dous dos acordos adoptadas na asemblea. O sector cerqueiro galego está enfadado polo 'desleixo', 'incapacidade' e 'pasotismo' dos seus representantes nesta negociación. O que implicou que a flota galega, malia ter máis barcos e mariñeiros que a vasca, asturiana ou cántabra, teña menos cupo de captura para xarda e xurelo.

O Ministerio prima o criterio de cupos históricos, que beneficia á flota vasca, fronte á de barcos e tripulantes, que é o que demanda a galega

Aliás, os cerqueiros van procurar o apoio de compradores e comercializadores; así como dos concellos con flota do cerco nos seus portos. A idea é a de “facer presión” e mobilizarse para frear un acordo de cupos que consideran claramente inxusto e prexudicial para Galiza.

A flota do cerco mantense firme e non pensa deixar o amarre até que o goberno poña sobre a mesa un novo reparto dos cupos de xarda e xurelo. Un reparto, din, que comprenda e preste atención a aspectos socio-económicos e non a capturas históricas, que é o criterio que prima o Estado español.

O paro é secundado pola práctica totalidade da flota cerqueira galega, un cento de buques.