A CIG reclama en Madrid o dereito á xubilación anticipada

Recollida de sinaturas do colectivo de pensionistas, xubiladas e xubilados da CIG. (Foto: Nós Diario)
O sindicato reuniuse esta quinta feira co secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións..

A CIG reuniuse esta quinta feira co secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez, para trasladarlle as propostas da central nacionalista sobre a xubilación parcial e anticipada e os mecanismos para o recoñecemento dos coeficientes redutores.

O encontro solicitouno a CIG en reposta ao inicio das negociacións no marco do diálogo social dunha nova modificación do sistema público de pensións (15 meses despois da última reforma) ante o que consideran "unha falta de transparencia sobre os termos nos que se está a negociar".

Desde a CIG consideran que os temas a reformar, pasan por tres eixos: restabelecer o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para a industria manufactureira; recuperar a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións; e recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia os cambios nas normas que penalizan a xubilación anticipada, "agravando as discriminacións de acceso á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse aos 61 anos, obrigando a prolongar a vida laboral de maneira inxusta e dificultando, ademais, a incorporación da xente nova ao mundo do traballo".